14 de abril de 2025
Foron seleccionados entre 80 candidaturas de toda España grazas ao seu compromiso coa participación activa e ao impulso dunha cidade que promove políticas públicas centradas na infancia
O Concello da Coruña celebra a elección de catro menores pertencentes ao Consello Local da Infancia e a Adolescencia (CLIAC) como novos membros do Consello Asesor de UNICEF España, órgano estatal que recolle as inquedanzas, propostas e demandas da poboación infanto-xuvenil en espazos institucionais de alto nivel.
A convocatoria, lanzada por UNICEF España no pasado mes de marzo, recibiu un total de 80 candidaturas procedentes de todo o Estado, das que foron seleccionadas as de Uxía, Yago e Rosalía, do CEIP Santo Domingo, e Cora, do CEIP Ramón de la Sagra, todos e todas membros activos do CLIAC coruñés.
Esta selección supón un recoñecemento ao compromiso da cidade da Coruña coa participación infantil, consolidado a través da súa adhesión ao programa Cidades Amigas da Infancia e da aposta continuada por espazos reais de diálogo e escoita activa para nenos e adolescentes. Un modelo que conta co respaldo firme e continuado do Goberno municipal que lidera Inés Rey, desde o que se impulsan políticas públicas baseadas nos dereitos da infancia como eixo estratéxico das accións educativas e sociais.
O Consello Asesor de UNICEF España organiza o seu traballo a través de comisións temáticas centradas en cuestións clave como a saúde mental, acción climática, dereitos dixitais, ou a creación de contidos para redes sociais, ademais de colaborar na elaboración de informes como o Barómetro de Infancia. Os seus membros participan tamén en encontros estatais e internacionais, así como en sesións co Congreso dos Deputados, ministerios e mesmo con SM a Raíña.
A experiencia destes catro menores enriquecerá tamén o funcionamento do CLIAC da Coruña, servindo de ponte entre o local e o estatal, e reforzando o papel activo da infancia como suxeito político e axente de cambio.
O Concello da Coruña felicita ás persoas seleccionadas e reafirma o seu compromiso con políticas públicas transformadoras que colocan ás novas xeracións no centro da acción institucional.
Programa ao que pertence
O Concello da Coruña, a través do Servizo de Educación, promove o Consello Local da Infancia da Coruña, CLIAC, cuxo obxectivo é constituír un grupo estable de traballo con nenos e nenas da cidade que traslade a voz de infancia ás políticas públicas do Concello.
Máis informaciónSentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible