29 de maio de 2025
O CEIP Juan Fernández Latorre exerce como anfitrión do proxecto estatal “Brotes Verdes”, que promove a innovación, a colaboración entre centros e a formación docente a través da mellora de espazos escolares como patios e hortos
O Concello da Coruña acolleu esta mañá a recepción institucional aos equipos docentes participantes no proxecto educativo estatal "Brotes Verdes", unha iniciativa impulsada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional ao abeiro da convocatoria de Agrupacións de Centros Educativos.
O proxecto ten como obxectivo fomentar a innovación pedagóxica e o traballo colaborativo entre centros de distintas comunidades autónomas, promovendo accións como a creación de novos espazos de lecer e aprendizaxe, a reactivación de hortos escolares e, sobre todo, o fortalecemento da formación docente a través do intercambio de experiencias e a observación directa noutras realidades educativas.
Durante esta semana, a cidade da Coruña exerce como sede do segundo encontro presencial do programa, tras o primeiro realizado no mes de xaneiro no CEIP Príncipe de Asturias de Montijo (Extremadura). O CEIP Juan Fernández Latorre, situado no barrio do Castrillón, actúa como centro anfitrión desta fase do proxecto.
No acto de recepción institucional, celebrado no Salón de Plenos de María Pita, o concelleiro de Educación Juan Ignacio Borrego deu a benvida ao profesorado participante e recoñeceron o labor desenvolvido por este grupo de centros públicos comprometidos cunha educación innovadora e inclusiva.
"O máis valioso da educación acontece cando compartimos, cando aprendemos das outras e dos outros", subliñou a alcaldesa, que puxo en valor o papel do CEIP Latorre como "exemplo de implicación, dinamismo e vocación de servizo público". Pola súa parte, o concelleiro Juan Ignacio Borrego destacou que proxectos como "Brotes Verdes" "enriquecen a experiencia educativa, melloran a calidade do ensino e fortalecen os vínculos entre comunidades escolares".
A agrupación educativa "Brotes Verdes" está composta por seis centros de distintas comunidades:
A participación do CEIP Juan Fernández Latorre inclúe accións para mellorar os espazos do patio e do horto escolar, sempre en diálogo coas necesidades do alumnado e coa implicación activa da comunidade educativa. A través do proxecto, o profesorado terá ocasión de coñecer voas prácticas doutras rexións, achegar a súa propia experiencia e establecer dinámicas conxuntas que se manterán ao longo do curso escolar.
O director do CEIP Juan Fernández Latorre, Juan Francisco Vicente González, participou no acto xunto ao profesorado visitante, nun encontro que serviu tamén para poñer en valor o papel da ensinanza pública como motor de transformación social. A recepción institucional simboliza o compromiso do Goberno municipal coa educación como prioridade estratéxica e subliña a importancia de fortalecer os vínculos entre as administracións e os centros educativos, traballando conxuntamente por unha cidade máis inclusiva, innovadora e cohesionada.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible