Concello da Coruña

Concello da Coruña

Inés Rey destaca, no inicio do curso escolar, o investimento municipal en melloras nos centros educativos

Cando:

11 de setembro de 2023

O Concello preparará xunto aos centros un informe das súas necesidades para trasladarlle á Xunta

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou esta mañá o CEIP Manuel Murguía de Feáns, no inicio do curso escolar 2023-2024. A rexedora estivo acompañada pola concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, e polo concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego.

O CEIP Manuel Murguía foi un dos centros educativos nos que se levaron a cabo melloras e tarefas de mantemento durante este verán, ao renovarse o chan das aulas de Educación Infantil. O Concello executou 135 actuacións durante os meses de xullo e agosto. Sumadas ás 1.840 incidencias resoltas durante o período lectivo, no último ano houbo case 2.000 intervencións municipais en centros da cidade.

Todas as actuacións foron coordinadas cos propios centros en función das súas necesidades. A maioría das que se programaron durante o verán corresponden a actuacións de maior dificultade que non se puideron executar durante o curso escolar. Os traballos non se centraron só nas aulas e diferentes salas dos colexios, senón que se revisaron e renovaron as áreas de xogo que se precisou e actuouse no conxunto do recinto en centros como o CEIP María Pita.

Inés Rey sinalou que unha parte destas obras corresponden a actuacións que exceden as competencias municipais, xa que os centros educativos son de titularidade da Xunta de Galicia. "Imos preparar, en colaboración cos centros, un informe con todas as necesidades dos colexios para trasladarlle á Xunta e que atenda os centros da cidade adecuadamente", apuntou Inés Rey.

O Goberno municipal destinou desde 2019 máis de 2,5 millóns de euros en actuacións en centros educativos. Rey lembrou tamén que o Concello tivo que facer fronte á factura Covid-19 con fondos propios, malia que a Xunta recibiu diñeiro do Goberno de España para facer fronte á crise.

Novo programa de lecer educativo e actividades extraescolares

Por outra banda, o Concello fará este ano un investimento de 424.000 euros no programa de lecer educativo e actividades extraescolares elaborado en colaboración coa Federación Provincial de Centros Públicos da Coruña. Esta proposta conta con numerosas actividades para facilitar a conciliación da vida laboral, social e familiar.

Estes programas ofrecen propostas fóra do horario lectivo para un ocio activo e de calidade con contidos tamén culturais e formativos. Os nenos e as nenas terán un amplo abano de experiencias, que lles permitirán completar o seu desenvolvemento integral como persoa, dentro dun colectivo e nun ambiente distendido, socializador e integrador dende tres ámbitos: deportivo, artístico-cultural e idiomas.

Os centros educativos xa dispoñen de toda a información para as familias. "O noso compromiso cos centros educativos e cos pais e nais das nosas crianzas é máximo e así o reflicte esta completa programación extraescolar", sinala Inés Rey.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión