6 de maio de 2025
A alcaldesa presidiu a XXV edición desta iniciativa que busca que a mocidade se comprometa co uso da lingua galega
A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá na edición número XXV do Correlingua, que se celebrou na Coruña coa participación de 2.200 alumnos e alumnas de diferentes centros educativos da cidade e a súa contorna. As persoas participantes realizaron un percorrido a pé desde o Palacio dos Deportes ata a Torre de Hércules con pancartas e proclamas a prol do uso da lingua galega.
"Ver os centros de toda a contorna aquí reunidos: A Coruña, Oleiros, Arteixo, Cambre, Pontedeume... é unha proba clara de que hai unha xeración que non lle dá as costas ao galego. Ao contrario: facedes moitísimas iniciativas ao longo do ano para que o galego sexa parte activa da vosa vida", sinalou a alcaldesa, que reivindicou a necesidade de que o galego "se expanda máis alá das aulas". O acto estivo presentado pola actriz Isabel Risco e contou coa actuación musical de Pauliña. O alumnado do IES Breamo de Pontedeume, gañadores/as do concurso de lemas deste ano, foi o encargado de ler o manifesto.
A alcaldesa fixo entrega dos premios ao CEIP Juana de Vega de Oleiros por ser o centro máis animado e ao IES Agra do Orzán pola mellor pancarta. Consistiu nun lote de libros para cada centro doados polas Bibliotecas Municipais da Coruña.
Este ano o Correlingua celebrou a súa edición número 25 baixo o lema 'A mocidade activa por unha lingua viva'. Esta iniciativa educativa que conta co apoio do Concello da Coruña e durante todo o ano conta con diferentes actividades co obxectivo de que a mocidade galega empregue a lingua.
Centros participantes
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible