24 de mayo de 2025
Inés Rey: “As cooperativas escolares son un exemplo de talento, ilusión e traballo en equipo”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou esta mañá o Mercado Semente, unha iniciativa municipal que celebrou a súa décimo oitava edición no Mercado de San Agustín, coa participación de máis de 350 nenos e nenas de oito centros educativos da cidade.
A rexedora, acompañada pola concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, percorreu os 16 postos instalados polas cooperativas escolares e puxo en valor "o traballo realizado por todo o alumnado ao longo do curso, demostrando creatividade, capacidade de organización e espírito emprendedor".
"Proxectos como este amosan o compromiso do Concello cun modelo educativo baseado na participación, a cooperación e a formación en valores. O Semente é un exemplo real de como educar para a cidadanía", sinalou Rey.
O Proxecto Semente: "Unha empresa na miña escola" está dirixido a alumnado de 3.º a 6.º de primaria e de educación especial, e ten como obxectivo achegar ao estudantado os principios do cooperativismo, a economía social e o comercio xusto. Ao longo do curso, os grupos constitúen as súas propias cooperativas, deseñan os produtos e preparan a súa venda no mercado.
A actividade desenvolveuse durante toda a mañá con animación, música, obradoiros e reapartimento de merendas e agasallos para o alumnado participante. A xornada pechouse coa entrega de tres galardóns: un ao centro máis implicado no proxecto e dous ás cooperativas escolares máis destacadas.
Os centros participantes nesta edición foron: CEIP Anxo da Garda, CPR Hijas de Jesús, CEIP Manuel Murguía, CPR Montegrande, CEIP Novo Mesoiro, CEEPR Nosa Señora de Lourdes, CPR Sagrado Corazón e CEIP San Pedro de Visma.
Desde a súa posta en marcha no curso 2007/2008, o proxecto Semente xa involucrou a máis de 5.000 escolares da cidade, promovendo a creación de 273 cooperativas educativas.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible