Concello da Coruña

Concello da Coruña

O Concello abre o prazo de inscrición para as actividades extraescolares do CEE Nosa Señora do Rosario, adaptadas ao alumnado con necesidades especiais

Cando:

23 de xuño de 2026

Esta iniciativa pioneira comezará o curso que vén, cunha oferta de 48 prazas en cinco grupos

O Concello pon en marcha o proceso de inscrición para as actividades extraescolares gratuítas no CEE Nosa Señora do Rosario, dirixidas ao alumnado con necesidades especiais de cara ao curso 2026-2027. Trátase dunha iniciativa pioneira enmarcada no plan do Goberno de Inés Rey para promover a práctica do deporte e o desenvolvemento de habilidades nunha contorna segura e dentro dun programa definido e adaptado. 

"No Goberno municipal cremos nun modelo educativo e de cidade no que todos os nenos e nenas poidan medrar gozando do deporte e do aire libre, desenvolvendo habilidades e adquirindo ferramentas que lles servirán no futuro. Estas actividades son só un primeiro paso. Un proxecto que abre a porta a máis iniciativas encamiñadas á programación de actividades especializadas", apuntou o concelleiro de Educación, Innovación Tecnolóxica e Formación, Juan Ignacio Borrego. 

O período de solicitude de prazas comezou hoxe e estenderase ata o vindeiro 3 de xullo. A resolución da adxudicación de prazas será o día 10 de xullo, e o prazo de aceptación será do 15 ao 24 de xullo. O trámite deberá facerse a través de ficha en liña, á que se pode acceder dende a seguinte ligazón (https://edu.coruna.gal/coruna_educa_familias/actividades_adaptadas_2026/).

En total, ofrécense 48 prazas para as cinco actividades que se desenvolverán de luns a venres en horario de 15.00 a 17.00 (aínda que a saída do alumnado poderá adaptarse ás necesidades de conciliación das familias). Os grupos que se formarán son:

  • Luns: multideporte adaptado (10 prazas)

  • Martes: multideporte adaptado (10 prazas)

  • Mércores: judo adaptado (10 prazas)

  • Xoves: multideporte adaptado (10 prazas)

  • Venres: creación artística e artes escénicas inclusivas (8 prazas) 

O desenvolvemento destas actividades, que será do 1 outubro de 2026 ao 18 de xuño de 2027, busca poñer o foco de atención nas necesidades dos escolares con necesidades educativas especiais reivindicando o seu dereito a ter un programa de actividades complementarias (fóra da súa xornada lectiva) a través do cal poidan practicar deporte e cultura do mesmo xeito que os demais nenos e nenas, de forma adaptada. Os grupos estarán formados por escolares de entre 6 e 21 anos, e as actividades levaranse a cabo no propio centro para facilitar a conciliación laboral e que as nenas e nenos non se teñan que desprazar a outros lugares. Ademais, tamén poderá solicitar praza o alumnado con necesidades especiales que estea escolarizado noutro centro combinado co CEE Nosa Señora do Rosario, pero só poderá pedir a actividade correspondente aos días que teña clase neste centro.

Un novo patio para o colexio

No mes de abril, o Concello tamén sacou a licitación a remodelación do patio do CEE Nosa Señora do Rosario, cun orzamento base de 107.420 €. Unha ampliación e renovación do espazo que busca adaptar as instalacións exteriores do centro ás necesidades particulares do alumnado, enriquecer as opcións de actividade da infancia e outorgarlles diferentes posibilidades dentro dun ámbito renaturalizado.

Programa ao que pertence

  • Actividades adaptadas no CEE Nosa Señora do Rosario 2026-27

    Publicada a resolución coa adxudicación de prazas. O prazo de aceptación formal das prazas adxudicadas permanecerá aberto do 15 ao 24 de xullo.

    Recomendámoslle ás familias que, aínda que fosen adxudicadas todas as actividades solicitadas, soamente acepten as que necesiten realmente.

    En setembro farase unha reunión por cada actividade coas persoas responsables, para que as familias poidan coñecelas.

    O proxecto piloto de actividades complementarias adaptadas no CEE Nosa Señora do Rosario busca poñer o foco de atención nas necesidades dos escolares con necesidades educativas especiais.

    O alumnado con necesidades educativas especiais é único e igual ao mesmo tempo, polo que ten dereito a que se cre un programa de actividades complementarias (fóra da súa xornada lectiva) a través do que poidan practicar deporte e cultura do mesmo xeito que os demais nenos e nenas, aínda que de forma adaptada ás súas necesidades.

    Máis información

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión