Concello da Coruña

Concello da Coruña

O Concello convoca as Bolsas USA para o vindeiro curso 2024-2025

Cando:

20 de outubro de 2023

O programa educativo municipal aumenta a contía destinada a cada persoa participante para a súa estadía durante o curso e para a preparación da viaxe

O Concello da Coruña convoca o programa 'A Coruña no mundo: Bolsas USA 2024-2025' co que 35 estudantes da cidade poderán cursar un ano escolar en Estados Unidos, en réxime de convivencia con familias, para perfeccionar o seu nivel de inglés e vivir unha experiencia de inmersión noutra cultura. As bases da convocatoria poden consultarse na páxina web do Concello ( Bolsas EE.UU. 2024-25 ). O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o vindeiro luns 6 de novembro.

Deste xeito, o Goberno de Inés Rey reforza o seu compromiso cun programa municipal pioneiro, posto en marcha no ano 2004, e que regresa a Estados Unidos o vindeiro curso. As persoas candidatas deberán estar matriculadas nun centro educativo durante o curso 2023-2024 en 4º da ESO. A estadía en Estados Unidos comeza en agosto de 2024 e finaliza en xuño de 2025, incluídas as vacacións escolares de Nadal e Semana Santa. As datas de saída e regreso varían en función do estado ou territorio de destino.

O programa inclúe estadía nos EEUU durante o período correspondente a un ano académico neste país vivindo cunha familia residente, escolarización nun centro educativo dos EEUU (High School), organización de xornadas informativas para o alumnado participante no programa, tramitación e obtención do visado de entrada en EEUU, viaxe e desprazamentos de ida e volta desde A Coruña ata a poboación de destino nos EEUU para cada participante, seguimento e control da vida dos menores na familia de acollida, do seu comportamento e rendemento académico, así como da súa vida social; validación dos estudos realizados polo alumnado nos EEUU ante a Administración Educativa e asistencia sanitaria e seguro de responsabilidade civil.

Novidades

Dúas das principais novidades desta edición do programa son o aumento dos cartos de peto para os gastos persoais do alumnado, por un importe máximo de 120 euros mensuais durante os meses de estadía en Estados Unidos, e tamén o incremento da axuda para a preparación da viaxe, por un importe de 400 euros, para o alumnado de familias que obteñan unha maior puntuación no criterio de situación económica da unidade familiar. Todo isto supón unha redución da aportación económica que levan a cabo as familias.

Entre os requisitos para optar ás bolsas, o alumnado deberá contar no curso de 3º de ESO cunha cualificación media de 6 puntos ou máis e non ter ningunha materia suspensa e unha nota de 7 ou superior en Inglés.

Na valoración das solicitudes atenderase ao concepto de unidade familiar nuclear, entendendo polo mesma a composta, no momento da solicitude, polas seguintes persoas: a persoa solicitante, os seus irmáns/irmás solteiros menores de 25 anos ou maiores de idade con discapacidade ou incapacitados xudicialmente, sempre que estean suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada que convivan no mesmo domicilio e as persoas proxenitoras que teñan atribuída a garda e custodia ou persoas que ostenten a súa tutela.

Charlas en centros cívicos

O Concello da Coruña, co obxectivo de reforzar a comunicación coas nais e pais do alumnado interesado, organiza unha serie de charlas informativas nos centros cívicos da cidade, que terán lugar do luns 23 ao venres 27 de outubro. Os actos terán a duración dunha hora, tempo no que persoal do Servizo Municipal de Educación informará ás persoas asistentes de todos os requisitos que deberán cumprir para presentarse a estas bolsas.

As charlas serán o luns no centro cívico dos Rosales (16.00 horas) e no de Novo Mesoiro (18.30 horas), o martes no dos Mallos (18.00 horas), o mércores no de Monelos (18.00 horas), o xoves no de Monte Alto (18.00 horas) e o venres no de San Diego (18.00 horas).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión