Concello da Coruña

Concello da Coruña

O Concello da Coruña e ARMH organizan unha homenaxe a Martín Ferreiro Álvarez

Cando:

22 de novembro de 2021

Este acto de lembranza será o martes 23 de novembro e estará acompañado dunha ruta pola arquitectura emblemática impulsada na época na que Martín Ferreiro exerceu de concelleiro e pola presentación dun libro sobre a súa vida

O Concello da Coruña e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) organizan a homenaxe a Martín Ferreiro Álvarez, concelleiro de Obras Públicas e tenente de alcalde na corporación coruñesa na época da República e deportado aos campos de concentración nazis. Faleceu no campo de Gusen no ano 1941. Este acto de recordo estará acompañado dunha ruta pola arquitectura emblemática impulsada na época na que Martín Ferreiro exerceu de concelleira e pola presentación dun libro sobre a súa vida. Os actos de homenaxe terán lugar no mesmo día, o martes 23 de Novembro.

ACTOS DE HOMENAXE A MARTÍN FERREIRO

1. Acto de Homenaxe no Concello da Coruña

Lugar: Salón de plenos do Concello da Coruña

Hora: 11 horas

Interveñen:

Juan M. Díaz Villoslada (Concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade) e Jesús J. Celemín Santos (Concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Industria e Emprego) como representantes do goberno municipal

Carmen G-Rodeja, representante da ARMH (Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica)

Xulio Valcárcel, poeta

José Manuel López Tuñas , investigador

Xosé Lois Martínez, arquitecto

Anxo Vázquez Bregua, sobriño de deportado, compañeiro de Martín Ferreiro

José Luís Alamán, neto de Martín Ferreiro

Presenta o acto a xornalista María Valcárcel

A interpretación musical correrá a cargo de Na Quinta

Durante este acto lembrarase o seu tempo como concelleiro nos anos da República, a súa achega e o seu periplo vital ata a súa deportación e morte no campo de exterminio.

2. Ruta sobre o urbanismo nos anos da República

Lugar. Diversos lugares da cidade e do ensanche

Hora: Saída de María Pita ás 17 horas

Esta ruta estará guiada polo profesor da ETSA e arquitecto Xosé Lois Martínez e un equipo de arquitectos. Mostrarán os edificios máis significativos do período republicano, no que Martín Ferreiro foi concelleiro. Entre eles, parte da praza de María Pita, o mercado de San Agustín, o proxecto do Cantón grande, o quiosco Atalaia e diversos edificios do ensanche da cidade.

3. Presentación da biografía sobre Martín Ferreiro e dos cambios no urbanismo durante o seu mandato

Lugar: Casa Museo Casares Quiroga

Hora: 19 horas

Participan:

Carmen G-Rodeja, ARMH

Xosé Luís Martinez, arquitecto e profesor na ETSA

Antonio Díaz Otero, profesor de Historia

José Luís Alamán, neto de Martín Ferreiro

Entrega de libros ao finalizar o acto.

Libro editado pola ARMH e cofinanciado pola Deputación da Coruña .

A ARMH

Desde hai varios anos a ARMH traballa na investigación e dignificación dos galegos deportados en campos de exterminio. Durante moitos anos foron esquecidos. Non así en toda Europa onde os deportados son considerados como heroes e homenaxeados cada ano nas súas vilas natais. En Galicia celebramos no ano 2018 unha homenaxe no Parlamento de Galicia coa participación de todos os grupos políticos, e estamos a realizar en todo o país númerosos actos e recoñecementos..

Martín Ferreiro foi concelleiro na corporación coruñesa. Queremos lembralo, precisamente no lugar máis simbólico da cidade: o Concello da Coruña.

O HOMENAXEADO: MARTÍN FERREIRO ÁLVAREZ, CONCELLEIRO REPUBLICANO

Naceu o 13 de Setembro de 1892, no lugar de Outeiro no Val de Quireza (Cerdedo, Pontevedra). Fillo de canteiro, trasladouse sendo moi novo á cidade da Coruña onde se vencellou ao gremio da construción. Participou na vida da cidade, figurando como socio do Casino Republicano desde o ano 31 e sendo secretario da liga de Dereitos do Home na capital herculina no ano 36. casou con Palmira Ramil e tiveron cinco fillos. No ano 31 iniciou a súa andaina política, sendo elixido concelleiro, dentro do grupo do Partido Republicano Radical-Socialista, nas eleccións celebradas o 12 de abril que deron paso á proclamación da 2ª República. Desenvolveu diferentes cargos, cobrando máis relevancia a partir das eleccións de febreiro do 36, foi delegado do Concello nas obras do Parque de Joaquín Costa (Santa Margarida) e 7º Tenente de Alcalde baixo a alcaldía de Alfredo Suárez Ferrín. Previamente, no ano 34, participou na creación de Unión Republicana, no que foi elixido para o seu comité provincial.

Tras tentar opoñerse activamente ao golpe de estado de xullo de 1936, fuxiu da Coruña, procurando agocho en Quireza, a súa terra natal. Logo pasou clandestinamente a Portugal, desde onde marchou a Francia. Levado pola firmeza das súas conviccións pasou á zona republicana, desenvolvendo diferentes tarefas en Valencia e Cataluña, das que dá conta Mª Teresa Alvajar, pois aloxábase na casa dos seus pais, César Alvajar e Amparo López Jean.

Despois da caída de Cataluña pasou a Francia, e non sabemos con certeza onde recalou. A finais do ano 39 integrouse nas Compañías de Traballadores Estranxeiros (CTE), que participaban na defensa francesa tras o comezo da 2ª Guerra Mundial. Entre outros traballos tiveron encomendado o reforzamento da liña Maginot. Durante a súa estadía en Francia comunicouse coa súa muller e os seus fillos dando conta da súa preocupación por eles, mais tras o avance das tropas alemás foi capturado pola Wehrmacht, posiblemente en xullo de 1940, e enviado ao campo de prisioneiros, ou Stalag, V-D preto de Estrasburgo. Despois do non recoñecemento, por parte do goberno de Franco, da nacionalidade española dos detidos,  estes exiliados pasan ser deportados ao campo de concentración de Mauthausen, onde foi a parar Martín en decembro do ano 40. Apenas un mes despois, foi levado ao subcampo de Gusen onde, a consecuencia das extremas condicións de vida e aos traballos forzados aos que eran sometidos, faleceu en novembro dese mesmo ano 41.

Vítima da intransixencia fascista e da barbarie nazi, dá exemplo do tráxico destino de moitos republicanos españois que pretenderon defender a liberdade e o progreso.

Máis información

Carmen García- Rodeja Arribí. Responsable ARMH Coruña

Tel. : 658 68 09 04

armhgalicia@gmail.com

Documentos relacionados

  • Homenaxe Martín Ferreiro (269 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión