16 de maio de 2025
Alumnos e alumnas do CEIP Eusebio da Garda e da Escola Básica de Palmeira de Braga gozaron da segunda parte do intercambio, en terras lusas, os días 12, 13 e 14 de maio.
O programa "Intercambio Escolar Eixo Atlántico" permitiu, un ano máis, que alumnado dun centro da cidade puidese realizar un intercambio co alumnado un centro do norte de Portugal.
Nesta IV edición do programa, a nosa cidade quedou emparellada co municipio portugués de Braga. Así pois, o grupo de 6.º curso do CEIP Eusebio da Guarda foi seleccionado, en base aos criterios de valoración, para realizar o intercambio.
Tras a visita do grupo de escolares portugueses (pertencentes ao grupo de 6.º curso da Escola Básica de Palmeira de Braga) á Coruña, entre o 2 e o 4 de abril, a viaxe de intercambio a Braga realizouse os días 12, 13 e 14 de maio. Un total de 28 alumnos e alumnas, acompañados pola súa titora, Pilar Sabucedo, e pola directora do centro, María Branco, realizaron numerosas actividades xunto co grupo de Portugal.
O luns 12 de maio foron recibidos cunha "batucada" na escola de Palmeira. Pola tarde, o grupo acudiu a unha recepción co presidente da Cámara Municipal de Braga no palacio municipal. A xornada finalizou cunha visita guiada ao centro histórico medieval da cidade e á súa catedral.
O martes 13 o grupo visitou a granxa escola "Quinta pedagógica", onde realizou unha actividade de elaboración dunha bolsa de cheiro. Pola tarde visitou o estadio de fútbol do Sporting Clube de Braga e a escola sede do Agrupamento de escolas "Liceo Sá de Miranda", de máis de 150 anos de antigüidade.
O último día, os alumnos e alumnas do CEIP Eusebio da Guarda subiron andando os 537 chanzos das escaleiras ao "Santuario do Bom Jesus" e realizaron un "peddy paper" sobre as numerosas capelas e fontes barrocas que hai na ascensión. Despois, comeron no parque de Bom Jesus e baixaron no funicular, único no mundo movido por auga.
Sen dúbida, foi unha experiencia moi gratificante e enriquecedora que, desde o Concello, queremos agradecerlle á Cámara Municipal de Braga e á Escola EB23 de Palmeira.
Programa ao que pertence
Con este programa búscase facilitar o intercambio entre escolares dos diferentes municipios de Galicia e do norte de Portugal integrantes do Eixo Atlántico, para compartir experiencias entre escolares; especificamente, darlle a coñecer a cidade da Coruña ao alumnado dun centro educativo dun municipio portugués por determinar por sorteo.
Os intercambios escolares terán lugar durante 2 ou 3 días nos meses de abril ou maio de 2025.
Máis informaciónNoticias relacionadas
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible