15 de decembro de 2025
A alcaldesa, Inés Rey, recibiu as nenas e nenos que gañaron o certame deste ano, organizado pola asociación STOP Accidentes
Nenas e nenos de 14 colexios coruñeses foron os grandes protagonistas da nova edición do concurso escolar «Ahora vamos andando al cole», unha iniciativa impulsada pola asociación STOP Accidentes co apoio do Concello, e que busca implicar o alumnado dos centros educativos da cidade na promoción de medidas orientadas á seguridade viaria e a mobilidade sostible na paisaxe urbana.
Esta tarde, no Salón de Sesións do Palacio Municipal de María Pita, entregáronse os premios correspondentes ao certame deste ano, acto ao que asistiron as 36 nenas e nenos finalistas, pertencentes aos CEIP Concepción Arenal, Manuel Murguía, Sagrada Familia, San Pedro de Visma, José Cornide Saavedra, Anxo da Garda, Escravas do Sagrado Corazón, Prácticas, María Barbeito e Cerviño, Juan Fernández Latorre, Fogar de Santa Margarida, Sal Lence, Santo Domingo e Liceo La Paz.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este acto cheo de simbolismo, «que amosa o compromiso das novas xeracións de coruñesas e coruñeses para facer da Coruña unha cidade mellor, poñendo ás persoas no centro de todo e marcando a folla de ruta que todas e todos desexamos seguir de cara ao futuro: a dunha cidade máis accesible, segura e sostible».
A rexedora lembrou que as aportacións das nenas e nenos, que en moitos casos tamén son expostas a través do Consello Local da Infancia (CLIAC) «son fundamentais porque o seu sentir e visión do mundo pode ser moi útil para cambiar a percepción das persoas adultas e axudarnos a transformar a mellor os lugares onde vivimos».
Cartas e debuxos para imaxinar a Coruña do futuro
Como cada ano, a rapazada que tomou parte no concurso fíxoo achegando unha carta ou un debuxo no que representa os seus desexos e achegas para a Coruña que virá. En total, houbo 16 nenas e nenos gañadores, que verán plasmado o seu enxeño nun calendario.
Ademais, cada nena e neno gañador do concurso recibiu como agasallo unha mochila reflectante cun casco e un certificado do premio. Tamén se sortearon dúas bicicletas entre gañadores e finalistas.
Na entrega de premios, como xa é habitual cada ano, participaron concelleiras e concelleiros do Executivo municipal, representado tamén por Noemí Díaz, Juan Ignacio Borrego e Montse Paz. «Todas e todos eles están á fronte de áreas e servizos implicados en mellorar a seguridade viaria e reforzala preto dos centros educativos, traballando conxuntamente para crear percorridos escolares máis seguros», incidiu Rey, que tamén puxo en valor a implicación da Policía Local e a DGT neste sentido, representadas hoxe por José Manuel Rico -intendente da Local e xefe da Unidade de Tráfico da Coruña- e por María Victoria Gómez Dobarro -xefa provincial de Tráfico na Coruña-.
Ademais, tamén tomaron parte no acto a fundadora e delegada de STOP Accidentes Galicia, Jeanne Picard; a coordinadora técnica da asociación, Ángela Jiménez.
Listaxe de alumnas e alumnos gañadores do certame
CEIP Plurilingüe de Prácticas | Portada
CEIP Sal Lence | Detrás da portada
CEIP Plurilingüe José Cornide Saavedra | Xaneiro
Colexio Fogar de Santa Margarida | Febreiro
CEIP Plurilingüe Concepción Arenal | Marzo
CEIP Sagrada Familia | Abril
CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma | Maio
CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cerviño | Xuño
CEIP Plurilingüe Manuel Murguía | Xullo
CEIP Plurilingüe Anxo da Garda | Agosto
CEIP Plurilingüe de Prácticas | Setembro
Colegio Santo Domingo-FESD | Outubro
Colegio Esclavas del Sagrado Corazón de Jesús | Novembro
Colegio Liceo La Paz | Decembro
CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cerviño (Base 1)
CEIP Juan Fernández Latorre (Base 2)
Programa ao que pertence
Concurso dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria da cidade, para promover o camiño escolar e a seguridade viaria en todos os centros da cidade.
Máis informaciónSentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible