15 de octubre de 2023
As e os finalistas do proxecto educativo viaxarán á cidade de Málaga para asistir a un taller na EASD San Telmo
A creatividade para reinterpretar distintas obras de Pablo Picasso é a característica común dos gañadores do proxecto MACO, un programa educativo impulsado pola Concellaría de Educación, Emprego e Relacións Institucionais do Concello da Coruña, no marco das actividades do ano Picasso.
Ao proxecto, que naceu coa vocación de afondar na traxectoria persoal e artística de Picasso a través da colaboración das Escolas de Arte e Superior de Deseño da Coruña e Málaga, presentáronse 28 obras realizadas por alumnos e alumnas da Escola Superior de Arte e Deseño Pablo Picasso entre os que se elixiron 16 gañadores.
As e os premiados son dez mozas e seis mozos. Sete están a cursar a especialidade de Deseño Gráfico, outros sete son de Ilustración, un de Escultura aplicada ao espectáculo e un de Fotografía. Os traballos presentados ofrecen unha reinterpretación de diversas obras pictóricas e pratos de cerámica do xenial pintor para desenvolver e elaborar serigrafías, ilustracións, un libro pop-up ou un vestido en papel serigrafiado. Os proxectos seleccionados introducen as novas tecnoloxías, diferentes materiais e perspectivas persoais sobre aspectos como a maternidade, a anorexia, a moda ou a cidade para recrear o universo picassiano.
Os gañadores poderán materializar os seus proxectos durante a súa próxima estancia na EASD San Telmo de Málaga, do 6 ao 9 de novembro. A viaxe permitiralles, ademais, coñecer a pegada de Picasso na cidade.
Para seleccionar aos galardoados valorouse a orixinalidade, creatividade e motivación dá proposta e a súa viabilidade técnica. A responsable do proxecto, Antía Salgado, subliña a boa acollida que o programa tivo entre o alumnado da Escola. "Foi difícil facer a selección de proxectos debido a calidade e diversidade de ideas presentadas así como o aporte persoal que cada alumna e alumno plasmou na súa proposta", sinalou.
A listaxe dos 16 proxectos gañadores
O MACO forma parte da programación de actividades organizadas polo Goberno de Inés Rey ao longo deste ano para conmemorar o 50º aniversario da morte de Picasso, que pasou na Coruña catro anos (1891-1895) decisivos para a súa formación.
A Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso é un centro de ensino público que conta con máis de 400 alumnas e alumnos. Nela pódense cursar Ensinanzas Superiores de Deseño Gráfico e Deseño de Interiores equivalentes a grao universitario, así como as Ensinanzas Profesionais de Dourado, Escultura, Ilustración e Fotografía, xunto cos talleres de Cerámica e Madeira. A EASD Pablo Picasso é herdeira da Escola de Belas Artes que estaba situada no actual IES Eusebio da Guarda, e no próximo ano 2025 celebrará o seu 175º aniversario.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible