2 de marzo de 2021
O alumnado de 3.º a 6.º de educación primaria de centros escolares da cidade disecará flores, coa axuda do persoal educativo da Domus, a través dunha videoconferencia. O edil de Educación, Jesús Celemín, destacou a gran “capacidade de adaptación” dos museos científicos municipais pese á situación de pandemia.
O Concello, a través da Concellaría de Educación e dos Museos Científicos da Coruña, lanza o proxecto Xperimenta Virtual, en que o alumnado de 3.º a 6.º de educación primaria de centros escolares da cidade disecará flores, coa axuda do persoal educativo da Domus, a través dunha videoconferencia.
O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, anima a comunidade educativa destes cursos de educación primaria a participar nesta iniciativa "mediante a que os nosos museos científicos lles achegarán ás nenas e aos nenos coñecemento sobre a natureza" a través de obradoiros "prácticos e seguros". Celemín destacou a gran "capacidade de adaptación" dos museos científicos municipais pese á situación de pandemia.
A actividade, que é gratuíta e ten unha duración duns 45 minutos, realizarase a través de Google Meet. Para participar, é preciso realizar unha solicitude previa cubrindo o formulario de reserva que se atopa na seguinte ligazón:
Os grupos escolares que teñan unha reserva para esta actividade recibirán previamente na súa aula unha caixa cos materiais necesarios e desinfectados (unha flor Lilium, tesoira, pinza, bandexa, cinta adhesiva etc.), para que cada estudante poida seguir as instrucións que lles irán facilitando desde a Domus. Ademais, o profesorado responsable de cada grupo participante recibirá un xogo creado especialmente para utilizar despois de cada actividade co seu alumnado.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible