Data Forum Escolar: Tribunal de convivencia
Só da Coruña
Educación
Outras
Público
Alumnado de 5º e 6º de EP e de ESO de centros públicos da cidade.
Centros seleccionados: CEIP Ramón de la Sagra e IES Eusebio da Guarda.
Gratuíto
A Audiencia Provincial e o Concello acollerán dúas simulacións de vistas xudiciais os días 1 e 14 de outubro, como parte da programación preliminar das actividades do Datafórum 2026, encontro organizado polo Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, a Universidade da Coruña e o Concello, en colaboración co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que terá lugar do 21 ao 23 de outubro en Palexco.
Na primeira actividade, que comezará a partir das 10.30 horas na Audiencia Provincial, participarán un centenar de alumnos e alumnas do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, que asumirán diferentes roles dentro da representación e poderán coñecer de primeira man como se desenvolve unha vista xudicial e cales son as funcións dos distintos profesionais que interveñen nela, entre eles avogados, profesionais da medicina forense, policías e membros do equipo técnico. As letradas da acusación e a defensa serán alumnas do Mestrado da Avogacía.
Xunto ao alumnado participarán tamén profesionais da Administración de Xustiza e doutros ámbitos relacionados coa protección das vítimas e a investigación e persecución dos delitos, que contribuirán a achegarlle aos estudantes a realidade dun procedemento xudicial e as garantías que o rodean.
Ademais, o Salón de Plenos de María Pita será o próximo 14 de outubro, tamén a partir das 10.30 horas, o escenario doutra vista simulada, neste caso dun Tribunal de Convivencia que terá como participantes ao alumnado de Educación Primaria do CEIP Ramón de la Sagra, e que tamén será dirixido por unha maxistrada.
Estas dúas iniciativas teñen como obxectivo sensibilizar o alumnado sobre a violencia de xénero, tanto nas relacións presenciais como na contorna dixital, con especial atención ao uso das redes sociais. Así mesmo, pretende fomentar o respecto dos dereitos fundamentais, a igualdade entre mulleres e homes e o coñecemento do funcionamento da Administración de Xustiza. A través destas experiencias prácticas, os e as estudantes poderán achegarse ás consecuencias xurídicas que poden ter determinadas condutas, especialmente durante a adolescencia, e comprender ao mesmo tempo as garantías que ofrece o proceso xudicial a todas as persoas implicadas.
Dende o 01/10/2026 ata o 14/10/2026
A primeira actividade terá lugar o día 1 de outubro, a partir das 10.30 horas, na Audiencia Provincial. Participará o alumnado de 5º e 6º de Primaria e ESO do IES Eusebio da Guarda.
A segunda actividade, que consistirá nun Tribunal de Convivencia, terá lugar o 14 de outubro, tamén ás 10.30 horas, no Salón de Plenos de María Pita . Participará o alumnado de Educación Primaria do CEIP Ramón de la Sagra.
Servizo Municipal de Educación
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible