Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de marzo de 2024

A programación do Día Internacional da Muller chega mañá ao mercado ecolóxico do Campo da Leña, cun obradoiro creativo especial para as nenas e nenos

Entre as 10.00 e as 15.00 horas ademais dos habituais postos de venda haberá unha ampla programación de actividades, cun espazo de dinamización infantil e obradoiros familiares

O Concello da Coruña impulsa este domingo 3 unha nova edición dos Mercados Ecolóxicos Municipais, que, como xa é habitual na primeira fin de semana de cada mes, volven ao Campo da Leña cunha ampla programación de propostas para todos os públicos.

De 10.00 a 15.00 horas, máis de vinte comercios locais e cooperativas da cidade e a súa contorna habilitarán os seus postos de venda, unha iniciativa coa que o Goberno de Inés Rey busca apoiar os produtores de proximidade e fomentar o consumo de produtos frescos e naturais. Ademais, tamén haberá espazo para os creadores culturais, como ilustradoras e profesionais do bordado.

En paralelo, as familias e, concretamente, os máis pequenos e pequenas, poderán gozar de múltiples actividades de ocio, como un espazo de dinamización infantil e un obradoiro creativo, 'As miñas referentes', que abre camiño á programación prevista de cara ao 8-M, Día Internacional da Muller. As nenas e nenos que participen no taller poderán aprender como elaborar un colgante con pezas de cartolina en forma de corazón, no que a rapazada escribirá o nome dunha muller que sexa o seu referente. 

Para participar neste obradoiro será necesario formalizar inscrición previa, no propio mercado ecolóxico do Campo da Leña, a partir das 10.00 horas. O taller terá lugar de 11.30 a 12.30 horas. A capacidade máxima prevista é de 15 prazas.

A programación completa da xornada será a seguinte:

  • De 10.00 a 15.00 horas
    • Espazo de dinamización infantil.
    • Iniciativa artística-ambiental 'A arte do residuo'.
  • De 11.30 a 12.30 horas: Obradoiro infantil 'As miñas referentes'.
  • De 12.30 a 13.30 horas: Obradoiro familiar para aprender a crear papelaría de refugallo, con Carañascrap&Té.

Así funciona o formato rotatorio dos mercados ecolóxicos municipais

Co obxectivo de poder ofrecer e expandir os produtos ecolóxicos e de orixe ética e local ao maior número de persoas, o Concello está a lle dar continuidade ao novo formato rotativo dos Mercados Ecolóxicos Municipais, que estenderá este evento polos diversos barrios da cidade nos vindeiros meses.

A outra gran novidade deste formato dos Mercados Ecolóxicos Municipais é a súa realización todas as fins de semana do mes: o primeiro e o terceiro domingo, no Campo da Leña, e o segundo domingo de cada mes na praza da Tolerancia, en Labañou. Xa o último domingo do mes, o mercado vai rotando por distintos barrios, como Novo Mesoiro o Parque Europa de Catro Camiños e a praza de San Cristovo, nos Mallos. 

Neste sentido, hai dúas modalidades de mercado: o mercado ecolóxico, que é o que se realiza no Campo da Leña, e o mercado de compra sostible, correspondente ao da praza da Tolerancia e outros lugares. Os mercados do Campo da Leña están especializados en produtos ecolóxicos, que acreditan criterios éticos e sostibles na súa produción, elaboración ou materias primas. Os mercados na praza da Tolerancia, e outras localizacións, fomentan a economía circular e a compra responsable, aplicando a regra dos 4R. O obxectivo é poder ofrecer o maior número de produtos de economía sostible e actividades paralelas como obradoiros, concertos e actividades para as e os máis pequenos.

Todos os mercados se realizarán no mesmo horario, de 10.00 a 15.00 horas. A este respecto, a información relativa a cada evento pódese atopar nas redes sociais do mercado (@mercaecocoruna) e nas do Concello da Coruña.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión