Concello da Coruña

Concello da Coruña

Día Mundial do Peón 17 de Agosto

O Concello da Coruña súmase a esta conmemoración lembrando que as perosas viandantes son o obxectivo primordial da mobilidade sostible.

Promovido pola OMS, o 17 de Agosto conmemórase o Día Mundial do Peón. Ese día, no ano 1896, morre atropelada por un coche en Londres Bridget Driscoll, que está considerada como a primeira vítima de tráfico atropelada por un vehículo.

O Concello da Coruña súmase a esta conmemoración lembrando que as persoas que camiñan son o centro da mobilidade sustentable. A seguridade dos viandantes é unha condición imprescindible para tentar mellorar a mobilidade.

O Plan municipal Coruña Camiña está a recuperar espazos de calidade para as persoas, zonas peonís e itinerarios seguros que facilitan os desprazamentos a pé para todos os camiñantes. Desde o inicio do mandato municipal, gañáronse máis de 35.000 m² de espazo para os peóns e está previsto gañar outros 20.000 m².

Esa procura da seguridade é o que centra o plan CoruñaToda30. A redución do número de atropelos e os efectos lesivos nas persoas é o obxectivo principal deste plan que na nosa cidade permitirá dispoñer en todas as vías polo menos dun carril con esa velocidade máxima de circulación.

Ademais das vías incluídas nas normas da DXT sobre cidades30 na Coruña xa se sinalizaron 14 quilómetros de carrís con limitación de velocidade a 30 km/h. Esta redución da velocidade máxima tamén permite a coexistencia entro os vehículos motorizados e as bicicletas e os VMP.

Na próxima Semana Europea da Mobilidade que se celebrará do 16 ao 22 de setembro incidirase na seguridade dos peóns e nos distintos aspectos que permitan conseguir que A Coruña sexa unha cidade máis doada de camiñar.

Entre outras accións, no Foro da Mesa da Mobilidade contarase coa presenza de Ana Montalbán, coordinadora técnica da Rede de Cidades que Camiñan e de Mateus Porto, arquitecto, ambos expertos na proxección e divulgación de medidas para adaptar as urbes á mobilidade peonil.

Realizarase tamén unha andaina a pé cos escolares por toda a rolda peonil coruñesa na cal a Policía Local e Stop Accidentes compartirán consellos e experiencias sobre as características do desprazamento a pé polas rúas.

Rede de Cidades que Camiñan

A Rede de Cidades que Camiñan chama ao movemento peonil para unha boa mobilidade urbana.

25 IDEAS SINXELAS PARA CELEBRAR O DÍA DO PEÓN

  1. Peón es ti e son eu. E ela e eles e todos os pronomes persoais de todas as linguas. Ser peón equivale a ser persoa.
  2. A orixe do peón e o peón é o mesmo, ambos relacionados co pé, mais o peón chegou a ser a figura menos valorada do xadrez. E o peón, da cidade.
  3. Ir a pé é o máis básico e natural. Non necesita aparellos. Só os zapatos, porque nos fomos protexendo.
  4. Todas as persoas somos peóns nalgún momento. Algunhas persoas poden ser tamén condutoras, ciclistas ou pasaxeiras.
  5. Algunhas persoas imos en cadeiras de rodas, outras apoiadas en bastóns. Outras camiñamos con dificultade por calquera razón, pero non por iso deixamos de ser peóns.
  6. Ás veces non nos identificamos coa palabra peón, porque case todo o mundo cre que ser peón só significa utilizar a rúa para movernos, andar, desprazarnos, ter un lugar onde ir, pero é moito máis.
  7. Ás veces somos peóns quietos ou en movemento, mais non nos desprazamos. Simplemente estamos, ou miramos, ou xogamos. E aínda así, igualmente chamámonos peóns.
  8. Conversamos, deambulamos, paseamos, xogamos, rimos. E mentres todo iso o fagamos na rúa, somos peóns, porque non temos outra palabra para definirnos que sexa algo máis concreta que cidadáns ou cidadás.
  9. En xeral, os peóns temos moito aprecio polos coches, son grandes aliados para desprazarnos. Pero debemos relacionarnos con eles doutra forma nas cidades, para que vivir nelas sexa máis agradable, seguro e saudable.
  10. A maioría das rúas actuais están pensadas para coches. Teñen as calzadas anchísimas. Dispoñen de moito espazo para aparcar. Teñen sinais de coches, semáforos para regular a nosa relación cos coches. Obrígannos a camiñar máis ou máis rápido para que os coches cheguen antes...
  11. Aínda que as bicis son nosas grandes aliadas, ás veces tamén resultan perigosas: cando circulan polas beirarrúas, cando fan carrís bici en zonas peonís, provocando a confusión de moita xente.
  12. As bicis son vehículos, polo que deben circular por espazos de vehículos.
  13. Nas rúas de coexistencia, sempre o resto dos vehículos deben respectar ao peón e circular ao seu paso.
  14. Nas rúas que se compoñan de calzadas e beirarrúas, os peóns deberiamos cruzar por pasos protexidos, elevados ao mesmo nivel que as beirarrúas, para facer efectiva a prioridade peonil da que falan as pirámides de mobilidade.
  15. Nas cidades, os peóns convivimos co tráfico a motor. Acougalo, domesticar aos coches, é unha necesidade imperiosa para recuperar a harmonía urbana
  16. Como peóns temos dereitos, mais tamén aspiracións, que deben ir asumindo as autoridades municipais.
  17. Aspiramos a que as rúas sexan lugares amables, onde non esteamos relegados a camiñar por estreitos corredores á beira de enormes calzadas para coches.
  18. Aspiramos a que cando exista un conflito entre o peón e algún outro modo de transporte, a solución recaia sempre ao lado do peón. Lembrade que non somos maioría. Somos totalidade.
  19. Aspiramos a vivir en espazos abertos, seguros e limpos, co mínimo de ruído ou de contaminación.
  20. Aspiramos a deixar de ser os "convidados" nas nosas cidades cheas de coches. Queremos ir reconquistando o espazo público, moito do cal está hoxe invadido por automóbiles parados ou en movemento.
  21. Aspiramos a que cando hai un atropelo non se nos culpabilice. A responsabilidade sempre é do máis forte, que debe andar co maior dos coidados.
  22. Aspiramos a camiñar libres nas nosas cidades. A mirar o móbil cando queiramos. A pararnos a falar. A cambiar de sentido. A cruzar sen motivo aparente.
  23. Aspiramos a que a maior parte das nosas rúas sexa posible facer cousas de peóns: circular a pé, estar, xogar, conversar.
  24. Aspiramos a que as nosas cidades gañen amabilidade, harmonía e saúde grazas á progresiva substitución dos desprazamentos a motor innecesarios por desprazamentos por medios naturais.
  25. Aspiramos a que todas as persoas camiñen máis, para mellorar a súa saúde e benestar.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión