18 de novembro de 2015
Segundo informa o grupo Volkswagen, o número de vehículos matriculados en España, e que están afectados por este problema é de 688.000. A compañía pon a disposición dos consumidores un teléfono de contacto gratuíto 900 180 361, en horario de atención de 9:00 a 20:00 horas e varias páxinas web onde comprobar se o seu vehículo está afectado.
Desde a Axencia de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN), organismo que depende do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, leváronse a cabo diversas actuacións co fin de informar sobre o problema que afecta a algúns modelos de vehículos das marcas Volkswagen, Audi, Seat e Skoda.
A AECOSAN solicitou á Dirección Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa, pertencente ao Ministerio de Industria, información sobre a listaxe de vehículos afectados, as posibles consecuencias e recomendacións técnicas que se poden derivar para os consumidores, así como información sobre as medidas que se vaian a levar a cabo.
Así mesmo, a AECOSAN solicitou por escrito información ao grupo Volkswagen e mantívose en contacto co Consello de Consumidores e Usuarios para trasladarlles información sobre as actuacións levadas a cabo ata o momento.
Información emitida polo Grupo Volkswagen
O xoves 5 de novembro, a Dirección Xeral de Industria traslada á AECOSAN a información emitida polo grupo Volkswagen.
Infórmase de que o problema afecta á familia de motores EA 189, aos que se lles instalou un software que detecta cando o vehículo está nun percorrido típico de ensaio, e nese caso reduce automaticamente as emisións dos óxidos de nitróxeno dos vehículos aumentando a porcentaxe de gases de escape que se recirculan novamente ao motor.
O número de vehículos matriculados en España que están afectados por este problema é de 688.000.
Así mesmo, infórmase que o problema afecta a tres cilindradas de motores, os 2.0; 1.2 e 1.6, cada un deles dun fabricante distinto do sistema de inxección (Bosch, Delphi e Conti, respectivamente). As medidas, segundo o grupo, serán de cambio de software, pero engaden que é probable que nos motores 1.6 sexa necesario algún cambio de hardware.
Doutra banda, o Grupo Volkswagen está a rematar de analizar o efecto no consumo e na potencia máxima, aínda que, segundo indican, esperan conseguir a adaptación sen cambio destes parámetros. As datas probables que avanzan para o inicio de chamadas a revisión dos vehículos afectados comezarán a partir de marzo de 2016.
Púxose a disposición dos consumidores o teléfono de contacto gratuíto 900 180 361 en horario de atención de 9:00 a 20:00 horas e unhas páxinas web onde é posible comprobar, introducindo o número de bastidor, se un determinado vehículo está ou non afectado.
A continuación, facilitámoslles as direccións electrónicas nas que poderán comprobar o número de bastidor para saber se o seu vehículo está afectado.
http://www.seat.es/posventa/motores-diesel/verifica-tu-coche.html
Desde a AECOSAN infórmase de que o Goberno, a través do Ministerio de Industria, mantivo contactos co grupo Volkswagen desde o mes de setembro para esclarecer a situación.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible