Concello da Coruña

Concello da Coruña

Escola de verán 2026

Escola de Verán 2026

Escola de verán 2026

ESCOLA DE VERÁN DA OMIC 2026

A Escola de Verán da OMIC é unha actividade gratuíta de lecer educativo dirixida a nenas e nenos, que combina xogos, obradoiros e actividades creativas cun enfoque de consumo responsable e conciliación da vida laboral e familiar.

CADRO RESUMO DE DATAS

  • Preinscrición: Do 4 ao 7 de maio
  • Listaxes provisionais: 15 de maio
  • Reclamacións: 18 e 19 de maio
  • Listaxes definitivas de solicitantes: 20 de maio
  • Sorteo público: 21 de maio (sorteos independentes por quenda e por cota)
  • Listaxes definitivas: 1 de xuño
  • Inscrición persoas admitidas: Do 2 ao 5 de xuño
  • Listaxe de agarda: A partir do 10 de xuño

O proceso de preinscrición e inscrición desenvolverase integramente por vía electrónica, a través da web municipal www.coruna.gal/campamentos2026

PERSOAS DESTINATARIAS

Poderán participar as nenas e nenos empadroados/as no Concello da Coruña, que teñan entre 4 e 10 anos de idade, nados e nadas entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 31 de decembro de 2022.

A asignación aos grupos de idade realizarase en función do ano de nacemento da/o menor.

Reservarase unha cota específica de prazas para menores con necesidades educativas especiais (NEE), sempre que estean escolarizados/as en centros educativos ordinarios a xornada completa, co obxectivo de favorecer a súa participación nun programa grupal de lecer educativo.

DATAS E QUENDAS

A Escola de Verán desenvolverase durante o mes de xullo en dúas quendas:

  • 1ª quenda: do 1 ao 15 de xullo
  • 2ª quenda: do 16 ao 30 de xullo

Cada neno ou nena só poderá participar nunha quenda. Unicamente poderá acceder a unha segunda quenda no caso de que, finalizado o prazo de inscrición, quedasen prazas vacantes.

HORARIOS

  • Horario xeral: de 09:00 a 14:00 h
  • Horario ampliado por conciliación:
    • Entrada dende as 07:50 h
    • Saída ata as 15:00 h

O horario ampliado deberá solicitarse no momento da inscrición.

É obrigatorio respectar os horarios establecidos para garantir o correcto desenvolvemento das actividades. Recoméndase estar na entrada das instalacións polo menos cinco minutos antes do inicio das sesións.

ESPAZO DE REALIZACIÓN

Centro Municipal de Emprego

Estrada dos Fortes, nº 16 - Os Rosales

15011 A Coruña

ACTIVIDADES

  • Primeira quenda: Economía circular e consumo responsable

Xogos, obradoiros creativos e retos en equipo para achegar ás nenas e nenos á reutilización de materiais, á cooperación e a pequenas decisións de consumo consciente.

  • Segunda quenda: Publicidade e consumo: mensaxes que contan

Actividades lúdicas e creativas para fomentar unha mirada crítica sobre a publicidade e aprender a crear mensaxes propias promovendo un consumo responsable.

As persoas participantes recibirán cada día unha merenda infantil saudable a media mañá. As nenas e nenos que fagan uso do horario ampliado poden levar o almorzo preparado da casa.

PRAZAS OFERTADAS (108 prazas)

  • 100 prazas quenda ordinaria:
    • 50 prazas por quenda
    • Organizadas en 2 grupos de 25 participantes cada unha
  • 8 prazas NEE:
    • 8 prazas totais
    • 4 en cada quenda

CONCILIACIÓN E CRITERIOS DE PRIORIDADE

As prazas cubriranse preferentemente con menores de familias que necesiten conciliar a vida laboral e familiar.

Terán preferencia na asignación de praza as persoas participantes empadroadas no Concello da Coruña cuxas persoas proxenitoras ou responsables legais acrediten que durante a quincena solicitada se atopan traballando.

Esta circunstancia poderá ser requirida para a súa comprobación e deberá ser debidamente xustificada cando así se solicite.

INSCRICIÓN E SORTEO

  • Cada quenda e cada cota de prazas (ordinaria e NEE) contará cunha listaxe e sorteo independentes.
  • As prazas adxudicaranse por sorteo público, que se realizará nas instalacións da OMIC.
  • O resultado do sorteo determinará a orde de asignación das prazas en cada grupo e quenda.

Publicaranse:

  • Listaxes de persoas admitidas
  • Listaxes de reserva

Naquelas situacións especiais debidamente xustificadas que afecten á protección da/do menor, non se publicará o nome nas listaxes oficiais.

LISTA DE ESPERA E BAIXAS

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, se quedasen prazas libres, contactarase coas persoas da lista de espera segundo a orde correspondente ata cubrir todas as prazas.

Realizaranse ata tres intentos de contacto telefónico en diferentes horarios. De non conseguir a comunicación, pasarase á seguinte persoa da listaxe.

Se por calquera circunstancia unha persoa admitida non pode acudir, deberá comunicar a baixa por escrito con dous días de antelación ao inicio da quenda, para permitir a reasignación da praza.

NORMAS DE PARTICIPACIÓN

  • Ao tratarse dun servizo gratuíto e con alta demanda, dúas faltas inxustificadas suporán a baixa inmediata da persoa participante.
  • As nenas e nenos só poderán ser recollidos das instalacións polas persoas autorizadas na inscrición, que deberán ser maiores de idade e identificarse mediante documentación.
  • Recoméndase solicitar praza unicamente cando se poida garantir a asistencia, contribuíndo así a un uso responsable e equitativo do servizo.

Para ter en conta

A Escola de Verán da OMIC é unha actividade gratuíta e moi demandada, pensada para facilitar a conciliación das familias durante o período estival e, ao mesmo tempo, achegar ás nenas e nenos valores educativos vencellados ao consumo responsable, consciente e crítico, acordes coa función e os obxectivos da Oficina Municipal de Información ao Consumidor.

A través das actividades propostas búscase fomentar hábitos de consumo máis sostibles, reflexivos e respectuosos, adaptados á idade das persoas participantes, promovendo unha actitude crítica fronte á publicidade e ao uso dos recursos.

Por este motivo, agradecemos a colaboración e a responsabilidade de todas as persoas participantes.

As persoas solicitantes serán responsables da veracidade dos datos achegados na solicitude. A detección de datos incorrectos, incompletos ou non axustados á realidade poderá supoñer a exclusión do proceso ou a perda da praza asignada.

Os irmáns ou irmás deberanse anotar de forma correlativa. Se non é así, non se garante que estean xuntos/as na quenda.

A inclusión dunha solicitude nas listaxes provisionais ou definitivas non garante a praza ata que se formalice a inscrición dentro do prazo establecido. A falta de inscrición no prazo indicado entenderase como renuncia, ofrecéndose a praza á seguinte persoa da lista de agarda.

A orde resultante do sorteo público determinará tanto a asignación inicial das prazas como a orde de chamamento da lista de espera. Os chamamentos realizaranse por orde, mediante contacto telefónico. De non ser posible establecer comunicación tras tres intentos en horarios diferentes, pasarase á seguinte persoa da lista.

Uso responsable das prazas

Ao tratarse dun servizo gratuíto e con prazas limitadas, a ocupación dunha praza sen un aproveitamento efectivo impide o acceso doutras familias que se atopan en lista de agarda. Por iso, a participación supón un compromiso de asistencia responsable. Dúas faltas inxustificadas implicarán a baixa da persoa participante, para garantir un uso xusto, equitativo e responsable do servizo.

A organización resérvase a posibilidade de realizar as actuacións necesarias para garantir o correcto desenvolvemento da actividade e o cumprimento das condicións de participación.

Enlaces de interés

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión