15 de abril de 2026
Inés Rey: “A OSG é un referente internacional, ademais dunha excelente embaixadora da nosa cidade”
A Orquestra Sinfónica de Galicia culminou o concerto de Londres, eixo central da súa xira polo Reino Unido, cun éxito absoluto que consolida o carácter histórico deste percorrido internacional. O Cadogan Hall, con todas as entradas esgotadas desde días antes, acolleu unha velada marcada pola intensidade artística e unha resposta entusiasta do público, que volveu despedir á formación galega cunha prolongada ovación.
A cita londinense contou coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que quixo amosar o respaldo institucional á OSG nesta histórica actuación, fito desta xira británica, non só polo cheo absoluto, senón pola confirmación do extraordinario impacto que a OSG está a xerar en cada unha das súas actuacións. "Este día marca a traxectoria da formación, impulsada cara a súa internacionalización grazas ao respaldo que lle amosamos desde o Concello", indicou Rey, quen recordou que o éxito da orquesta coruñesa resulta especialmente significativo nunha cidade cun público moi especilizado en música clásica e na que actúan regularmente as mellores formacións do mundo. "Non tiñamos ningunha dúbida da valía dos nosos músicos, creo que o éxito que están a ter na xira británica confirma o que sempre dicimos: que a OSG é un referente internacional ademais dunha excelente embaixadora da nosa cidade", dixo Rey.
Con este concerto, a formación supera o ecuador da súa xira tras percorrer xa Bristol, Birmingham, Basingstoke, Manchester e Londres, onde a acollida foi unanimemente triunfal. Ovacións en pé, salas entregadas e unha conexión inmediata co público definiron un itinerario que está a situar á orquestra galega como unha das propostas máis celebradas do circuíto.
Cada concerto foi, ata o de agora, unha experiencia compartida na que o repertorio -un diálogo entre a tradición española e a elegancia europea- brillou tanto pola súa precisión como pola súa capacidade evocadora. En Bristol e Basingstoke, ese vínculo estendeuse máis aló do programa coa interpretación como bis de 'Negra Sombra', baseada no poema de Rosalía de Castro e con arranxo de Pete Hope, nun momento de especial carga emocional que reforzou a identidade galega ante o público internacional.
O concerto de Manchester supuxo ademais un punto de inflexión coa estrea mundial de 'Ruada', do compositor Fernando Buide, obra creada especificamente para esta xira e recibida con gran entusiasmo. Esta peza, xunto á presenza da música de Rogelio Groba no programa inicial, consolidou o compromiso da OSG coa creación galega contemporánea como un dos eixos distintivos da xira.
Tras o éxito de Londres, a Orquestra Sinfónica de Galicia continuará o seu percorrido por Nottingham e Sheffield, pechando unha xira que xa deixou unha pegada profunda tanto no público como nos escenarios británicos.
Neste tramo central do circuíto, a OSG non só cultivou aplausos: reafirmou a súa identidade, a súa excelencia artística e a súa capacidade para emocionar máis aló de calquera fronteira, confirmando que o son construído desde A Coruña e coa con forza propia no panorama internacional.

15 de abril de 2026

13 de abril de 2026

11 de abril de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible