25 de agosto de 2026
A cita, organizada polo Concello, incluirá o concerto “Cantaxoga”, de Migallas, e unha foliada familiar con Pablo Díaz e Olga Kirk
O Concello, a través do servizo de Normalización Lingüistica, celebrará este venres 28 de agosto a partir das 17.00 horas no Campo da Leña a Festa do Apego, unha iniciativa englobada no programa organizado polo Concello para promover actividades que normalicen e fomenten o uso cotián da lingua galega, con especial atención aos nenos e nenas e ás familias.
"A Coruña é unha cidade comprometida coa súa identidade, e por iso o Concello seguirá apoiando iniciativas que axuden a promover o uso da nosa lingua. Ademais, o Apego ten o gran valor de cumprir esta labor dun xeito divertido, dinámico e que chega de forma moi eficaz aos rapaces e rapazas", apuntou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
O Concello leva a cabo accións como esta para convidar as familias da cidade a se sumaren a esta iniciativa, que pretende axudar á socialización en galego e á transmisión interxeracional da nosa lingua.
O programa do encontro, que é gratuíto e de entrada libre, comezará co concerto "Cantaxoga", de Migallas, un espectáculo de teatro e música onde María Campos e Carlos Yus interpretarán cancións dos discos "Canta connosco!" e "Pan de millo" e realizando sktechs cómicos relacionados cos contidos das cancións. Este espectáculo ten como finalidade demostrar que na lingua galega, ademais da música tradicional, teñen cabida todos os estilos e tendencias musicais: rock, cumbia, rap, reggae, pasodobre, rumba, fusión étnica...
Completará a xornada unha foliada con Pablo Díaz e Olga Kirk, que ofrecerán o seu bo facer dentro da música tradicional, ofrecendo un espectáculo para maiores e crianzas. Tanto Díaz como Kirk son dous artistas avalados por anos dentro do circuíto da música tradicional galega.

21 de agosto de 2026

21 de agosto de 2026

20 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible