8 de julio de 2026
O evento, impulsado por un grupo de veciños e veciñas do barrio e apoiado polo Concello, celebrarase o vindeiro 11 de xullo na praza Salvador de Madariaga
O Concello da Coruña colabora xunto coa Asociación de Veciños do Ventorrillo na celebración da primeira edición de A Parrochiña, unha nova iniciativa veciñal que nace no Ventorrillo coa vocación de recuperar o espírito das festas populares de barrio a través da convivencia, a gastronomía e a música en directo. O evento terá lugar o vindeiro 11 de xullo na praza Salvador de Madariaga a partir das 13.00 horas.
A Parrochiña xorde da iniciativa dun grupo de veciños e veciñas do barrio que, coa vontade de crear un novo espazo de encontro para a comunidade, decidiron impulsar unha celebración aberta á participación de toda a cidadanía. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, xunto co organizador, Luis Suárez, destacou o valor deste tipo de iniciativas que nacen desde o tecido veciñal. "Os barrios son unha parte fundamental da identidade da Coruña e proxectos como A Parrochiña contribúen a fortalecer os lazos comunitarios e a crear espazos de encontro interxeracional a través da cultura e da convivencia", sinalou. Destacou a vontade da alcaldesa, Inés Rey, para que as celebracións nos barrios teñan entidade propia, coma neste caso.
A programación terá como un dos seus principais atractivos un xantar popular, pensado para reunir familias, amizades e veciñanza arredor da mesa, recuperando unha das tradicións máis características das celebracións populares. A proposta gastronómica estará acompañada dunha programación musical que se prolongará durante toda a xornada. O cartel do evento inclúe un xantar popular con parrochiñas e churrasco, sesión vermú e actuacións musicais para todos os públicos.
A sesión vermú contará coa actuación de El Corta, encargado de abrir a programación musical. Ao longo da tarde e da noite pasarán tamén polo escenario Os Alcántara, Clandestinos e o DJ Hugo Mosquera, configurando unha oferta pensada para diferentes xeracións e estilos musicais.
A festa prestará tamén unha especial atención ao público infantil, cun espazo específico dedicado ao lecer familiar. Durante a tarde instalaranse xogos tradicionais e artesanais de madeira, así como outras actividades de participación, entre elas un touro mecánico, para que os máis pequenos tamén formen parte dunha xornada concibida para gozar en comunidade.
Desde a organización destacan que A Parrochiña nace cunha vocación de continuidade e coa intención de consolidarse como unha cita anual. O seu obxectivo é contribuír a crear novos recordos colectivos, fortalecer as relacións veciñais e manter vivas as tradicións populares dos barrios coruñeses. "O máis importante desta iniciativa é a súa capacidade para facer barrio, para xuntar persoas de diferentes idades arredor dunha mesma celebración e para reivindicar o papel dos barrios como espazos vivos de convivencia e participación", concluíu Castro.

21 de agosto de 2026

15 de agosto de 2026

14 de agosto de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible