8 de mayo de 2025
A actuación está supervisada polo forxador Telmo Cao, con obras nas casas modernistas de La Garriga ou na Sagrada Familia de Barcelona
Levará gravada a estrofa III do poema ‘María das batallas’, un verso de Xesús Lorenzo Varela escrito no 1944
O Concello da Coruña vén de iniciar unha intervención integral sobre o peveteiro conmemorativo do Monumento a María Pita, sito na praza homónima. Trátase dunha actuación que responde ao compromiso do Goberno de Inés Rey coa conservación do patrimonio da cidade e a súa posta en valor como símbolo colectivo da memoria e da identidade coruñesa
O elemento central da reforma consiste na instalación dunha nova patena de bronce conmemorativa, única e orixinal, deseñada para permitir o uso cerimonial do peveteiro. Esta será sobre o queimador existente e incorporarase cun sistema de ancoraxe e fixación especialmente deseñado para garantir a súa estabilidade e durabilidade. "Contará cun elemento metálico protector a modo de base que permitirá realizar actos cerimoniais con lume controlado" sinalou a alcaldesa, Inés Rey.
Ademais, a reforma do peveteiro supón a súa adaptación aos estándares medioambientais mediante a anulación da antiga instalación de gas, un paso que permite eliminar riscos e garantir un espazo máis seguro e sostible, así como a restauración do basamento pétreo orixinal que será sometido a labores de mantemento e conservación especializada.
A intervención será realizada polo recoñecido forxador Telmo Cao, artesán con ampla traxectoria e prestixio no ámbito da fundición artística e a metalistería tradicional, que desenvolve o seu traballo en diferentes puntos de España. Destacan entre as súas intervencións a restauración de elementos patrimoniais en palacetes e predios privados de Menorca, nas casas modernistas de La Garriga ou mesmo na propia Basílica da Sagrada Familia, en Barcelona.
A nova patena, unha peza única deseñada en honra a María Pita
Un dos aspectos máis destacados desta intervención é a incorporación gravada na patena da estrofa III do poema "María das batallas", escrito polo autor galego Xesús Lorenzo Varela no ano 1944, que di: "Muller da soberana liberdade/os artilleiros danche alferecía/e faite o mar patrona da cidade./Din as miñas campanas, escoitade,/de monte a monte e mais de ría a ría:/O bronce meu, teu bronce foi María".
"Trátase dun verso cargado de significado, unha declaración poética que recoñece á nosa heroína María Pita como emblema da cidade e da loita pola liberdade", sinalou a alcaldesa. Así mesmo, Rey agradeceulle á familia do poeta a autorización expresa para a reprodución dos versos, respectando a protección patrimonial vixente da obra.
Ademais, a peza de bronce levará incorporado o escudo de armas da cidade procedente da antiga Porta da Torre de Arriba nas murallas do Frente de Terra, considerado o símbolo heráldico máis antigo conservado da Coruña e que remite ás orixes defensivas da cidade e ao seu papel histórico. "A memoria dunha cidade constrúese desde o coidado dos seus símbolos e desde o respecto á súa historia e iso é o que representa esta actuación", sinalou a alcaldesa, Inés Rey, quen engadiu que "María Pita é moito máis que unha figura do pasado; é un símbolo de orgullo e identidade que temos a obriga de conservar e poñer en valor para as xeracións futuras".

10 de noviembre de 2025

28 de julio de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible