29 de marzo de 2026
O Goberno local destina 314.000 € para habilitar espazos para realizar actividades divulgativas e interpretativas que trasladen a historia do asentamento
O Concello comezará nas vindeiras semanas, tras a adxudicación á empresa Citanias, a obra de construción dun centro de apoio ás escavacións arqueolóxicas no Castro de Elviña, cun investimento de 314.398,34 €. Estas obras englóbanse no ambicioso plan do Goberno local para remodelar integralmente a contorna do Castro de Elviña para dotar de maior apoio ás actividades profesionais e didácticas que se desenvolven no enclave, que tamén contará cun peche perimetral.
"Temos que coidar e dar a coñecer as xoias culturais e históricas que temos nesta cidade. O Castro de Elviña fálanos cunha asombrosa claridade do que foi esta terra antes de que existise A Coruña. Por iso investimos fondos públicos na mellora dos medios técnicos, pero tamén nas actividades educativas e lúdicas que trasladen a importancia deste lugar", subliñou a alcaldesa, Inés Rey.
O centro contará cun punto de información para visitantes, así como de espazos pensados para desenvolver actividades interpretativas e divulgativas acerca da historia do sitio e dos traballos de escavación e reconstrución histórica que se levaron, e se levan, a cabo no lugar, que é unha das testemuñas máis valiosas da historia antiga da Coruña.
O castro, que estivo habitado, segundo as estimacións, entre os séculos III A.C. e IV D.C., ocupa máis de catro hectáreas e ten tramos de muralla que se elevan ata cinco metros. Ademais, foi declarado Ben de Interese Cultural, ao ser un dos asentamentos máis importantes de Galicia setentrional.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible