1 de junio de 2025
Como xa é habitual coa chegada dos meses estivais, o circuíto Coruña Corre despídese ata mediados de setembro, cando arrincará a segunda parte desta tempada, coa Volta a Oza
Pablo Bocelo e Vanessa Hervada gañaron hoxe a carreira popular dos Rosales, que celebrou a súa décimo segunda edición coa participación de case 1.200 persoas entre as diversas categorías, desde persoas adultas a inferiores e peques.
Pablo Bocelo e Vanessa Hervada, que chegaron á liña de meta cuns tempos de 19,43 e 25,11, respectivamente, foron os máis rápidos en completar un percorrido novidoso, de case seis quilómetros, e que este ano arrincou polas rúas interiores do barrio dos Rosales para saír a continuación ao paseo do Portiño, por onde discorreu a meirande parte da proba ata chegar ao alto do paseo, coa chegada á contorna do pavillón polideportivo municipal.
"Nesta edición démoslle un pequeno xiro ao trazado da categoría absoluta para potenciar a identidade da carreira e adentrala aínda máis no barrio. E, ao facela en sentido inverso con respecto ao 2024, tamén evitamos a pendente final con subida desde o Millennium", razoou Manuel Vázquez.
O circuíto volverá o 14 de setembro, coa Volta a Oza
A cuarta proba do calendario de Coruña Corre realizouse cun ambiente festivo, tal e como destacou hoxe o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. "Rematamos a primeira parte da tempada, con boas sensacións e cifras de participación nas carreiras da Torre, Matogrande-Xuxán, San Pedro de Visma e tamén aquí, nos Rosales. Estamos a vivir unha edición moi especial, con milleiros de persoas tanto da Coruña como da súa contorna. E, ademais, vemos que o público familiar está moi implicado e a rapazada está a gozar das carreiras, que é un dos nosos obxectivos principais para o circuíto a medio e longo prazo", expuxo Vázquez.
Agora, coa chegada do verán, o circuíto Coruña Corre fará o seu parón habitual para volver xa a mediados de setembro, coa Volta a Oza (14 de setembro) e, xa posteriormente, as carreiras do Ventorrillo (26 de outubro) e Novo Mesoiro (23 de novembro).
Con máis de 2.100 persoas inscritas no conxunto do circuíto -o que permite participar en todas as carreiras da tempada-, o concelleiro lembrou que tamén é posible inscribirse individualmente en cada proba. "No caso da Volta a Oza, abriremos o prazo nas semanas previas á súa disputa", concretou Vázquez.

30 de noviembre de 2025

21 de noviembre de 2025

17 de noviembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible