Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de marzo de 2026

Mañá, último día para sumarse á primeira proba do calendario, a carreira da Torre de Hércules. Máis de 2.600 persoas xa están inscritas na cita do sábado 14 de marzo

O Concello lanza a campaña ‘Na Coruña corremos todas e todos’, preámbulo da nova tempada do circuíto Coruña Corre

O coruñés Miguel Mandayo, deportista e creador de contidos, protagoniza o vídeo oficial desta edición 2026 das carreiras populares polos barrios

O circuíto de carreiras populares Coruña Corre vive a súa particular conta atrás de cara ao inicio desta nova edición. Coas inscricións xa abertas, o Concello desvelou hoxe o vídeo oficial desta tempada 2026, protagonizado polo deportista e creador de contido dixital coruñés Miguel Mandayo.

A curtametraxe, gravada entre os Pelamios e o paseo dos Menhires, abre camiño á realización da primeira proba deste ano, na Torre de Hércules, e tamén profunda na amplitude de públicos do circuíto, "diverso, heteroxéneo e interxeracional, características que cómpre visibilizar e potenciar", subliñou a alcaldesa, Inés Rey.

Esta filosofía é a que determinou o lema desta nova edición das carreiras polos barrios: 'Na Coruña corremos todas e todos', representado tamén no vídeo, onde Mandayo está acompañado por Antonio Hernández -deportista máis veterano do circuíto-, Alba Raso -gañadora do circuíto absoluto en categoría feminina no 2025-, Rocío Alfonso, Inés López e Jaime Arias -integrantes da asociación Somos Marines- e Alejandro, Roque e Lía Pita-Baamonde -pai, fillo e filla-, que amosan o carácter familiar de Coruña Corre, circuíto que conta cunha competición para persoas adultas e tamén categorías inferiores.

"Ano tras ano, Coruña Corre está a incrementar as súas cifras de participación, e é un moi bo sinal porque este programa é sinónimo de valores, hábitos saudables e tamén visibiliza a nosa cidade como un hábitat natural para practicar deporte ao aire libre. Se seguimos nesta liña, non só incentivaremos a participación de máis persoas, senón que tamén deixaremos unha semente de futuro para implicar as futuras xeracións", dixo Rey.

Mañá, domingo 8, último día para inscribirse na carreira da Torre de Hércules

A nova tempada do circuíto Coruña Corre arrincará motores o vindeiro sábado 14 de marzo, ao pé da Torre de Hércules. Máis de 2.600 persoas xa están inscritas na proba e será mañá, domingo 8 de marzo, cando se pechará o prazo para que as persoas interesadas en sumarse á carreira poidan formalizar a súa solicitude.

Cómpre lembrar que a carreira da Torre aparella tamén unha andaina solidaria co gallo do 8-M, Día Internacional da Muller. A participación na andaina é gratuíta.

A xornada deportiva do 14 de marzo arrincará ás 17.00 horas no paseo dos Menhires, coa saída das categorías inferiores. Será xa ás 20.00 horas cando comezará a proba absoluta e, poucos minutos despois, ás 20.05 horas, empezará a andaina do 8-M.

Abertas as inscricións no conxunto do circuíto

Como vén sendo habitual, o circuíto Coruña Corre tamén ofrece a posibilidade de inscribirse no conxunto do circuíto. Esta modalidade xera a inscrición automática nas sete carreiras desta tempada e só esixe confirmar posteriormente a participación de xeito individual para cada carreira. Cómpre lembrar que esta modalidade de inscrición é a única forma de puntuar para o circuíto e optar aos premios.

Tras a proba da Torre, o circuíto Coruña Corre continuará coas carreiras de Matogrande - Xuxán (12 de abril), San Pedro de Visma (10 de maio), Os Rosales (31 de maio), Volta a Oza (13 de setembro), O Ventorrillo (25 de outubro) e Novo Mesoiro (22 de novembro).

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión