2 de marzo de 2026
Tras realizarse o medio maratón C21, o Concello ultima a organización da nova tempada de carreiras populares, que na súa primeira data aparellará tamén unha andaina polo 8-M, Día da Muller
A Coruña vive xa a conta atrás de cara á volta do circuíto de carreiras populares Coruña Corre, un programa municipal impulsado polo Concello que este ano chegará á súa XIII edición e que volverá novamente aos barrios da cidade, cunha programación de sete probas ata o vindeiro mes de novembro.
Coas inscricións abertas, máis de 1.000 persoas xa están anotadas de cara á primeira data desta tempada. Será o sábado 14 de marzo, ao pé da Torre de Hércules, xornada na que está prevista a participación de deportistas de todas as idades -desde a categoría de peques, pasando polas inferiores, ata a absoluta- e que comezará a partir das 17.00 horas, no paseo dos Menhires.
Como xa é habitual, as pequenas e pequenos serán os primeiros en saíren desfrutar do evento, con saídas graduadas a posteriori para as rapazas e rapaces que compitan entre as categorías sub-10 e sub-18.
Ás 20.00 horas arrincará a proba en categoría absoluta, cun percorrido de 6,6 quilómetros e volverá percorrer a contorna da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, o barrio de Durmideiras, Santo Amaro e parte do Paseo Marítimo, polos Pelamios.
A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que a xornada non rematará aí, xa que a carreira da Torre aparellará, un ano máis, a andaina polo Día Internacional da Muller, o 8-M, que este ano se levará a cabo baixo o lema 'Mulleres reais liderando o cambio'. A participación na andaina, que comezará ás 20.05 horas, tamén desde o paseo dos Menhires, será gratuíta, con inscrición previa na web de Coruña Corre.
"A inclusión da andaina no calendario do circuíto reforza o seu carácter inclusivo e a prol da igualdade de xénero. O deporte é un motor moi importante para seguir facendo forza neste sentido e estamos a ver resultados esperanzadores. Non só en Coruña Corre, onde hai unha evolución moi clara, senón no conxunto do calendario de carreiras. Temos outro exemplo na carreira dos 5K do domingo pasado. Por segundo ano consecutivo, nesta proba houbo máis participación feminina que masculina", indicou Rey, que animou a cidadanía a se sumar a esta iniciativa.
A información sobre os servizos e a recollida de dorsais, xa habilitada
O Concello ultima as tarefas de organización de cara á carreira da Torre, que, como xa é habitual, contará con servizos de duchas e gardarroupa na propia Cidade Deportiva. Ademais, os dorsais poderán recollerse os días 12 e 13 de marzo, en horario de tarde, no Centro Comercial Cuatro Caminos, e tamén o propio día 14, o da carreira, no frontón da Torre (de 12.00 a 17.00 h.). A información completa xa está dispoñible na web do circuíto.
A volta de Coruña Corre dálle continuidade ao calendario de carreiras na cidade tras a grande acollida da última edición do medio maratón C21, celebrado este domingo e no que participaron máis de 2.600 persoas. Ademais, o keniano Meshack Kipkurgat bateu o récord histórico da proba: 01:01:12, na súa chegada á liña de meta, en María Pita.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible