15 de abril de 2026
A iniciativa Spot4Dis, que ten A Coruña como unha das súas sedes piloto, creouse para lles facilitar o tránsito ás persoas con mobilidade reducida utilizando tecnoloxías como a IA ou o Street View
A Coruña foi unha das 5 cidades europeas -con Valencia, Zaragoza, Badaxoz e Xénova- elixidas para formaren parte do proxecto piloto de mobilidade inclusiva Spot4Dis, que conta co financiamento de Google e busca facilitar o acceso e localización das prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida a través de tecnoloxías de última xeración como o Street View, a IA ou o mapeamento satelital.
Este proxecto ten como obxectivo incorporar ao día a día das cidades cuestións como a localización, de forma rápida, de prazas de estacionamento adaptadas ás persoas con mobilidade reducida. Permitirá consultar a súa dispoñibilidade en tempo real, comunicará incidencias e contribuirá a un uso máis xusto dos recursos.
Hoxe, o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage Tuñas, asistiu ao acto de lanzamento oficial do proxecto en Barcelona. A reunión contou coa presenza de representantes do ámbito institucional, tecnolóxico e da mobilidade, entre eles Josetxo Cerdán, responsable de Asuntos Gobernamentais e Políticas Públicas en Google España, Ernest Teniente, doutor pola Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), e representantes dos concellos participantes, cos que Lage Tuñas participou nunha mesa redonda en que se intercambiaron experiencias e expectativas de futuro.
Spot4Dis é un proxecto piloto ideado coa Asociación de Persoas con Mobilidade Reducida (AsoPMR) para implantar fórmulas avanzadas e experimentais no ámbito da planificación da mobilidade nas cidades, de cara a facilitar o desenvolvemento das persoas usuarias con limitacións físicas.
Unha oportunidade de futuro
"Este proxecto é, sobre todo, unha oportunidade. Unha oportunidade para escoitar, para aprender e para construír desde a experiencia real de quen máis o necesita. Unha oportunidade para que administracións, entidades sociais e organizacións como Google traballen xuntas cun obxectivo común. Para o Goberno de Inés Rey, formar parte desta iniciativa é tamén unha declaración de intencións. Queremos ser unha cidade inclusiva, unha cidade que elimina barreiras e que pon as persoas no centro das súas políticas públicas", subliñou Lage Tuñas.
Para contribuír ao desenvolvemento da app e da súa posta en práctica na cidade, o Concello puxo ao dispor do proxecto a base de datos actualizada de prazas PMR existentes e previstas, a normativa aplicable, imaxes de sinalización, contribuíu á difusión pública e achegou un marco de seguimento para avaliar o impacto e mellorar os resultados.
O acto incluíu unha intervención e demostración práctica (Demo Hub) de Albert Llovera, piloto profesional de Dakar e WRC, na que se mostraron algunhas das funcionalidades desenvoltas polo proxecto, como a consulta de dispoñibilidade e reserva de prazas PMR e o acceso ás prazas mediante unha barreira intelixente.
"A Coruña abordará nos vindeiros anos cambios profundos na planificación urbana, e a participación nun proxecto con Google e catro concellos máis permitirá incorporar a perspectiva de inclusión social para facer unha cidade máis igualitaria que elimine barreiras. Este proxecto abre unha nova colaboración tamén coa Universidad Politécnica de Barcelona para a innovación tecnológica como ferramenta de transformación social", engadiu o tamén primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage.

20 de junio de 2026

17 de junio de 2026

11 de junio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible