Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de abril de 2026

A Coruña participa con Google nun proxecto de Mobilidade que permitirá mellorar a Planificación Urbana da Cidade

A iniciativa Spot4Dis, que ten A Coruña como unha das súas sedes piloto, creouse para lles facilitar o tránsito ás persoas con mobilidade reducida utilizando tecnoloxías como a IA ou o Street View

 A Coruña foi unha das 5 cidades europeas -con Valencia, Zaragoza, Badaxoz e Xénova- elixidas para formaren parte do proxecto piloto de mobilidade inclusiva Spot4Dis, que conta co financiamento de Google e busca facilitar o acceso e localización das prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida a través de tecnoloxías de última xeración como o Street View, a IA ou o mapeamento satelital. 

Este proxecto ten como obxectivo incorporar ao día a día das cidades cuestións como a localización, de forma rápida, de prazas de estacionamento adaptadas ás persoas con mobilidade reducida. Permitirá consultar a súa dispoñibilidade en tempo real, comunicará incidencias e contribuirá a un uso máis xusto dos recursos.

Hoxe, o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage Tuñas, asistiu ao acto de lanzamento oficial do proxecto en Barcelona. A reunión contou coa presenza de representantes do ámbito institucional, tecnolóxico e da mobilidade, entre eles Josetxo Cerdán, responsable de Asuntos Gobernamentais e Políticas Públicas en Google España, Ernest Teniente, doutor pola Universitat Politècnica de Catalunya (UPC), e representantes dos concellos participantes, cos que Lage Tuñas participou nunha mesa redonda en que se intercambiaron experiencias e expectativas de futuro.

Spot4Dis é un proxecto piloto ideado coa Asociación de Persoas con Mobilidade Reducida (AsoPMR) para implantar fórmulas avanzadas e experimentais no ámbito da planificación da mobilidade nas cidades, de cara a facilitar o desenvolvemento das persoas usuarias con limitacións físicas.

Unha oportunidade de futuro

"Este proxecto é, sobre todo, unha oportunidade. Unha oportunidade para escoitar, para aprender e para construír desde a experiencia real de quen máis o necesita. Unha oportunidade para que administracións, entidades sociais e organizacións como Google traballen xuntas cun obxectivo común. Para o Goberno de Inés Rey, formar parte desta iniciativa é tamén unha declaración de intencións. Queremos ser unha cidade inclusiva, unha cidade que elimina barreiras e que pon as persoas no centro das súas políticas públicas", subliñou Lage Tuñas. 

Para contribuír ao desenvolvemento da app e da súa posta en práctica na cidade, o Concello puxo ao dispor do proxecto a base de datos actualizada de prazas PMR existentes e previstas, a normativa aplicable, imaxes de sinalización, contribuíu á difusión pública e achegou un marco de seguimento para avaliar o impacto e mellorar os resultados. 

O acto incluíu unha intervención e demostración práctica (Demo Hub) de Albert Llovera, piloto profesional de Dakar e WRC, na que se mostraron algunhas das funcionalidades desenvoltas polo proxecto, como a consulta de dispoñibilidade e reserva de prazas PMR e o acceso ás prazas mediante unha barreira intelixente.

"A Coruña abordará nos vindeiros anos cambios profundos na planificación urbana, e a participación nun proxecto con Google e catro concellos máis permitirá incorporar a perspectiva de inclusión social para facer unha cidade máis igualitaria que elimine barreiras. Este proxecto abre unha nova colaboración tamén coa Universidad Politécnica de Barcelona para  a innovación tecnológica como ferramenta de transformación social", engadiu o tamén primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión