6 de julio de 2026
O Parque de San Diego acollerá do 17 ao 19 de xullo actuacións de Luar na Lubre e Xurxo Fernandes, entre outros, e o pregón dos fillos de Víctor Sieiro
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou hoxe a nova edición da Romaría dos Castros, unha cita xa consolidada no calendario festivo da cidade que reunirá no Parque de San Diego, entre os días 17 e 19 de xullo, música tradicional, actividades populares e propostas para todos os públicos. No acto de presentación participaron tamén o presidente da Asociación de Veciños Oza-Gaiteira-Os Castros, Paulo Sexto, o fundador e líder de Luar na Lubre, Bieito Romero, e o músico e investigador Xurxo Fernandes, dous dos artistas que forman parte do cartel desta edición.
Gonzalo Castro subliñou que a Romaría dos Castros forma parte da aposta do Goberno de Inés Rey polo apoio ás festas dos barrios, "espazos que fortalecen os vínculos veciñais e contribúen a preservar e divulgar o patrimonio cultural e musical galego". A celebración arrancará o venres 17 cun pasarrúas de Cántigas da Terra, ao que seguirá o pregón, que nesta edición correrá a cargo de Maika e Willy Sieiro Vázquez, fillos de Víctor Sieiro, unha figura moi querida no barrio dos Castros e no deporte coruñés.
A elección dos pregoeiros supón unha homenaxe á memoria de Víctor Sieiro Asorey, veciño dos Castros e pioneiro do fútbol sala feminino na Coruña. Fundador, presidente e adestrador do histórico Sal Lence, foi unha das persoas que impulsou o desenvolvemento desta disciplina deportiva desde o barrio ata convertela nun referente a nivel estatal. O club conquistou numerosos títulos nacionais e internacionais, contribuíndo de maneira decisiva á visibilidade e normalización do deporte feminino. Desde a organización destacan tamén o compromiso de Sieiro coa vida social e comunitaria dos Castros, motivo polo que os seus fillos serán os encargados de abrir oficialmente a Romaría deste ano. Tras o pregón actuarán Tres Pesos e Xurxo Fernandes, que presentará o seu espectáculo 'Levaino!'.
A programación continuará o sábado 18 cunha alborada e pasarrúas a cargo de Donaire, seguida da sesión vermú do grupo Maghúa, un xantar popular, xogos tradicionais e a actuación da Orquestra Pantasma. Xa pola noite subirán ao escenario Acordeireta e Luar na Lubre, unha das formacións máis representativas da música folk galega, nun dos concertos máis destacados de toda a fin de semana. A xornada rematará coa sesión de DJ Misa.
O domingo 19, último día da romaría, volverá soar a música tradicional co grupo de Donaire, protagonista da alborada e da actuación do mediodía. Tras o xantar popular, o grupo Pan Sen Fron será o encargado de poñer o peche festivo á celebración.
A Romaría dos Castros está organizada pola Asociación de Veciños Oza-Gaiteira-Os Castros, en colaboración co Concello da Coruña, e constitúe unha das citas máis destacadas do verán nos barrios, combinando tradición, música e convivencia veciñal nun espazo emblemático como o Parque de San Diego.

21 de agosto de 2026

15 de agosto de 2026

14 de agosto de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible