19 de noviembre de 2025
O Concello levará a cabo un investimento de 414.000 euros para recubrir o teito de zinc, co obxectivo de evitar filtracións de cara ao futuro
Este mércores aprobouse a saída a concurso das actuacións previstas na cuberta do Teatro Rosalía de Castro, necesarias polas incidencias e episodios de filtración que se detectaron ao longo destes anos.
Na comparecencia de hoxe ante os medios de comunicación, tras a Xunta de Goberno Local, o concelleiro José Manuel Lage Tuñas lembrou que "hai unha década, no 2014, un temporal deixou danos importantes no teito do teatro, e entón levouse a cabo unha actuación para reparalo, mais por desgraza aquela intervención fíxose sen empregar os métodos máis axeitados", facendo perforacións na cuberta de zinc, a causa das cales esta foise degradando co paso do tempo e comprometendo a súa estanquidade.
Lage subliñou a necesidade de actuar sobre os exteriores do teito: "Atendendo ás avaliacións efectuadas, a solución máis viable é executar unha sobrecuberta de zinc sobre a xa existente e mellorar, en paralelo, os accesos á cuberta para garantir un correcto mantemento dela".
A previsión do Concello é destinar 414.000 euros a esta actuación, que sae xa a concurso co obxectivo de axilizar prazos e intervir no Teatro Rosalía cunha perspectiva que dea resposta ás súas necesidades a medio e longo prazo.
Sae a concurso a xestión do Centro de Día de Novoboandanza
Xa no referente aos investimentos previstos en materia social, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a saída a concurso do contrato de xestión do servizo comunitario municipal no Centro de Día Novoboandanza, ao que se destinará un orzamento superior aos 900.000 euros ata o ano 2028.
Ademais, hoxe tamén se deu luz verde á licitación do servizo de comedor social tanto no Centro Cívico municipal de Novoboandanza como no de Monte Alto, cun investimento conxunto que chega case aos 400.000 euros, tamén ata o 2028.
O programa Idiomas do Mundo, dotado con 300.000 euros ata o 2027
Por outra banda, na Xunta de Goberno Local aprobouse a licitación do contrato para xestionar o programa de inmersión lingüística 'Idiomas do Mundo', unha iniciativa financiada polo Concello e que, ano tras ano, permite que máis de 30 mozas e mozos coruñeses gocen dunha estadía intercultural dun mes en Irlanda, convivindo cunha familia nativa, asistindo a clases de idiomas e perfeccionando o seu dominio do inglés.
"Agora, o que facemos é iniciar os trámites administrativos para contratar a empresa que xestionará o programa nos vindeiros dous anos", explicou Lage.
Ata o 2027, o Goberno de Inés Rey destinará case 300.000 euros a Idiomas do Mundo, cifra que se suma á que tamén se inviste noutros programas formativos internacionais como as Bolsas Norteamérica, que pechou onte o seu prazo de solicitudes de cara ao curso que vén.

10 de noviembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible