20 de maio de 2026
Contando todas as categorías, na presente edición do certame participaron máis de 800 estudantes de 17 centros de primaria e secundaria
Hoxe tivo lugar no Ágora a entrega de premios para as obras gañadoras dos colexios de secundaria do certame Cinema na Escola, despois de que onte se dese a coñecer o palmarés dos/as participantes de primaria noutro acto no mesmo lugar. O proxecto escollido polo xurado foi "Soliloquio", do CPR Franciscanas.
Cinema na Escola é un innovador concurso audiovisual organizado polo Concello que tivo unha gran participación do alumnado dos centros públicos da cidade, con máis de 800 estudantes e 22 docentes de 17 centros educativos implicados. A obra "Zona 0" foi onte a agraciada na categoría de Mellor Curtametraxe de primaria.
"Con esta segunda gala pechamos unha edición de Cinema na Escola que foi todo un éxito. O nivel das pezas presentadas foi altísimo e a decisión do xurado foi moi difícil, o cal quere dicir que a escola cinematográfica coruñesa ten canteira, e o Goberno de Inés Rey vai estar alí para apoiala", subliñou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, quen estivo presente en ambas as galas en representación do Concello.
Este programa busca inculcar na xuventude a expresión audiovisual a través da produción de curtametraxes propias. As persoas participantes tiveron que desenvolver todas as fases do proceso, desde a actuación á escritura, a dirección, a produción e a montaxe. Así, centos de alumnos e alumnas achéganse por primeira vez ás técnicas propias desta disciplina artística.
Na gala de hoxe, participaron os seguintes centros de secundaria:
IES Agra do Orzán coa curta "O móbil"
IES Elviña coa curta "Foliada eclipsada"
IES Eusebio da Garda coa curta "Fogar"
IES Rafael Puga Ramón coa curta "Micelio"
IES Rafael Dieste coa curta "Log out"
IES Ramón Menéndez Pidal coa curta "Descoñecidos"
IES Salvador de Madariaga coa curta "O recado"
CPR Franciscanas coa curta "Soliloquio"
CPR Franciascanos coa curta "Cookies"
Todas as obras foron rodadas en galego e co teléfono móbil como instrumento de gravación. Ademais, impartíronselles talleres formativos de iniciación á creación audiovisual e formación e asesoramento presenciais nas tarefas de filmación e montaxe, co obxecto de darlle ferramentas ao alumnado para poder elaborar unha curtametraxe.
Os galardóns foron deliberados por un xurado de persoas expertas composto polo actor de escena e dobraxe Santiago Fernández; a directora de casting Isa Escrigas; a doutora en fotografía por Belas Artes Ledi Bellón; o realizador e montador gañador dun Goya Fran X. Rodríguez e a técnica de Educación do Concello Ana Judel Prieto.
O palmarés completo foi:
Mellor Curtametraxe: "Soliloquio" (CPR Franciscanas)
Mellor Guión: "Soliloquio" (CPR Franciscanas)
Mellor Fotografía: "Fogar" (IES Eusebio da Guarda)
Mellores Efectos Visuais: "Cookies" (CPR Franciscanos)
Mellor Edición e Montaxe: "Log out" (IES Rafael Dieste)
Mellor Edición de Audio: "Foliada eclipsada" (IES Elviña)
Mellor Interpretación: "Soliloquio" (CPR Franciscanas)
Mención Valores: "Descoñecidos" (IES Ramón Menéndez Pidal)
Mención Esforzo: "Foliada eclipsada" (IES Elviña)
Mención Comedia: "Micelio" (IES Rafael Puga Ramón)
Premio do público: "O móbil" (IES Agra do Orzán)

19 de maio de 2026

18 de maio de 2026

15 de maio de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible