Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de decembro de 2017

Medio Ambiente porá en marcha tres novas áreas caninas na cidade, á vez que ampliará o programa de control de colonias felinas e impulsará unha nova campaña de adopción

As novas áreas caninas, dotadas de espazos verdes e zonas cubertas para a choiva, situaranse nos parques de Eirís, Bens e San Pedro de Visma e estarán en funcionamento contra principio de ano

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou hoxe as novas medidas e proxectos que está a poñer en marcha o goberno local da Coruña "de cara a profundar nas políticas de benestar animal e a súa integración nas políticas públicas de medioambiente, orientadas sempre a acadar o sacrificio cero". En rolda de prensa, a representante municipal anunciou a inminente posta en marcha, este principio de ano, de tres novas áreas caninas na cidade (nas que xa se está a actuar para a súa posta a punto), espazos innovadores que se unen aos catro xa existe. Por outro lado, e de xeito paralelo, o departamento de García continuará co proceso posto en marcha por primeira vez na cidade polo executivo municipal de control de colonias felinas mediante o método CES (Captura, Esterilización e Solta), e, da man da asociación Libera, sacará á luz unha nova campaña (a terceira xa do mandato) de fomento da adopción de animais domésticos.

Áreas Caninas

García explicou as novidades das novas áreas caninas que se proxectan na cidade e que entrarán en funcionamento a principios de ano. "Trátase duns modelos de áreas pioneiras, moi integradas no espazo público e, á vez, respectuosas co mesmo. A nosa intención era fuxir dos modelos antiguos de espazos para cans, que eran zonas áridas, pequenas, con verxas e con case ningunha vexetación", explicou. "As áreas que estamos a promover están integradas na contorna de distintos parques da cidade, respectando os valiosos espazos verdes que temos", dixo. Así, comentou que as tres novas áreas "se deseñaron de forma que se integran coa paixase  e a contorna, contan con vexetación diversa e con mobiliario adecuado, con zonas cubertas para os días de choiva". "Non queremos que sexan espazos de exclusión, senón lugares de encontro que fomento o contacto entre os animais e as persoas que os pasean", indicou.  García comentou, ademais, que baixo estas premisas, cada área canina conta cun perfil distinto, adecuado ao espazo e o parque no que se desenvolverá. "Mentres que, por exemplo, a área de Eirís conta cun perfil máis urbano, a de Bens ten unhas características máis rústicas e naturais e está moi integrada coa paisaxe do parque", indicou, para recordar que este último espazo contou ademais cun proceso participativo, de cara a aunar os intereses de todas as persoas usuarias.

Así, a área canina de Eirís (que se sitúa na parte baixa do parque) contará, entre os seus elementos máis destacados, cun peche tubular de aceiro, aínda que se atopará rodeada de árbores, dentro dun proxecto paisaxístico con especies arbustivas de elevado cromatismo. A zona contará tamén cun espazo de lavado e cepillado dos animais, ademais dunha cuberta para os días de choiva, bancos na zona de miradoiro, unha área de herba, para que os cans poidan estar ceibos, e tomas de auga. Cun orzamento que ronda os 200.000 euros, prevese que a actuación comece canto antes, de forma que poida estar lista a principios de ano. A obra contará tamén cunha intervención paisaxística na súa contorna, así como comprenderá a modificación dos camiños perimetrais, sendo a superficie total duns 3.500 metros cadrados.

No caso de Bens, a concelleira salientou que se trata "dun espazo realmente pioneiro", xa que, cun orzamento total de 280.000 euros, a superficie contemplada abarca unha hectárea de terreo. "Estamos a falar do espazo dun campo de fútbol", apuntou a titular de Medio Ambiente. Integrada paisaxísticamente, esta área respecta os camiños e a orografía do parque. O peche será un pequeno muro de pedra, que contará ademais con especies arbustivas ao redor, como toxos e xestas ornamentais con diferentes tipos de floración. Outras das novidade que fan este espazo innovador na contorna é o caso de que conta cunha zona de estanque para os cans poidan bañarse. Conta ademais con cinco accesos distintos, tomas de auga, zonas cubertas e un espazo de agility (este último, con cargo ao orzamento de 2018, porase en funcionamento no próximo exercicio).

Por último, a área do parque de San Pedro de Visma servirá coa zona de apoio á área canina xa existente, de tamaño máis reducido. "Neste caso estamos a falar dun proxecto que trata de poñer en marcha novos modelos de convivencia entre animais, persoas, e veciñanza que non ten mascotas", explicou. "Queremos compatibilizar as demandas veciñais de máis espazo para os animais e, á vez, garantir que nas horas de máis uso dos espazos verdes por parte doutros e doutras usuarias, coma crianzas, non se xeran problemas de convivencia", engadiu. Desta forma e neste espazo, os e as donas de animais poderán pasealos soltos en distintos horarios. De 20.00 horas da tarde a 10.00 horas da mañá en inverno, de novembro a marzo, e de 22.00 horas a 10.00 horas en verán, de abril a outubro. Os prazos comezarán a facerse efectivos a partir do día 22 de decembro. "Desta forma, estamos garantido que os animais poidan pasear ceivos, nos paseos da mañá e da noite", explicou a concelleira.

Colonias felinas

Por outro lado, García anunciou tamén "o significativo avance en materia de control de colonias felinas". "O que imos facer, á vez que poñemos en marcha as novas áreas caninas,  é asinar catro novos convenios con catro entidades animalistas, Gatuchinhos, CoruñaGatuna, Micos e Nós e Gatocán, a comezos de xaneiro para continuar co proceso de xestión de colonias felinas que puxemos en marcha, por vez primeira na cidade e nesta mandato, no Barrio das Flores", dixo a concelleira. "A experiencia que levamos a cabo animounos a continuar nesta liña de colaboración con entidades animalistas do sector, que serán as encargadas da xestión coas clínicas veterinarias, da captura e solta de animais e da súa alimentación controlada", sinalou. Estes convenios xa recibiron o visto bo das entidades colaboradoras, e atópanse nas últimas fases administrativas necesarias antes da súa sinatura. Estas novas actuacións servirán para continuar co proceso de xestión no Barrio das Flores, así como a creación de novas colonias contraladas en Cidade Escolar, Os Rosais-Visma e Monte Alto.

Campaña de Fomento da Adopción

Por último, e dentro das medidas de benestar animal que se implementarán neste período, a titular de Medio Ambiente tamén salientou a terceira campaña de fomento de adopción do mandato, que se desenvolverá nesta época do ano, en colaboración con Libera, tendo en conta o aumento de compras de animais por estas datas. "Como noutras ocasións, levaremos a cabo un reparto de material divulgativo e de sensibilización con accións que se desenvolverán en distintos equipamentos municipais, centros educativos e clínicas veterinarias", apuntou a responsable municipal, que recordou que esta acción súmase ás tres campañas levadas a cabo polo Concello centradas exclusivamente na adopción dos animais do Centro  Municipal de Acollemento Animal.

Documentos:

Novas áreas caninas (127 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión