Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de febreiro de 2018

Medio Ambiente inicia o proceso de consulta previo á licitación do servizo de recollida de residuos coa publicación do borrador do prego de contratación e o inicio de reunións con colectivos da cidade implicados

O borrador está xa dispoñible no perfil do contratante municipal. O proceso de achegas queda habilitado até o 1 de marzo a través da web noseusitio.coruna.gal

A Concellería de Medio Ambiente, dirixida por María García, fixo público esta xornada o borrador do prego do contrato de recollida de residuos e contenerización para a cidade, que será sometido a un proceso de consulta pública previo á súa licitación. Este procedemento, pioneiro na cidade e un dos primeiros que se abren para un contrato deste importe a nivel estatal, dá a posibilidade aos principais axentes relacionados coa xestión de residuos "de participar e opinar sobre o desenvolvemento dun servizo básico para toda a cidade antes de que se abra o proceso de licitación, que xa é definitivo". Coincidindo coa apertura do proceso, a titular deste departamento do goberno municipal reuniuse este mércores cunha representación do cadro de persoal do actual servizo de recollida, co obxectivo explicar as cláusulas sociais que o Concello xa incorporou no borrador dos pregos de contratación e que garantirá o mantemento das condicións laborais dos e das traballadoras, así como recibir as súas achegas. Coa xuntanza de hoxe, Medio Ambiente dá inicio a unha serie de reunións con todos aqueles colectivos afectados dun ou doutro xeito por este servizo. "Non estamos a falar só dos e das traballadoras, senón tamén das asociacións veciñais ou dos e das hostaleiras, así como aquelas empresas que están a desenvolver as últimas innovacións neste sector", explicou García.

O procedemento de consulta pública estenderase até o 1 de marzo. As persoas que así o desexen poderán realizar as súas achegas ao borrador do prego de contratación a través da web municipal https://noseusitio.coruna.gal/, dende onde se poderá acceder á exposición pública do borrador dos pregos, que xa está visible  tamén no perfil do contratante do Concello da Coruña. Os materiais divulgativos sobre este proceso tamén estarán dispoñibles en distintos equipamentos municipais. Rematado o proceso de consulta, os servizos municipais estudarán a integración das distintas achegas. O borrador resultante dos pregos deberá ser sometido á correspondente fiscalización para, posteriormente ser aprobado, xunto co gasto aparellado, pola Xunta de goberno local. Este será o paso previo á apertura dun proceso de licitación que rematará coa adxudicación do contrato.

Melloras no servizo

O novo contrato derivará nunha serie de melloras de carácter ambiental, na calidade do servizo e no coidado do espazo público. "Queremos conseguir un servizo máis próximo e máis cómodo, que derivará nunha maior recuperacion e reciclaxe de residuos, con renovación dos contedores e cunha maior dispoñibilidade dos específicos para vidrio e papel e carton. Ademais, haberá un plan específico para as zonas de alta concentración hostaleira, para os grandes produtores de materia orgánica e numerosos avances decididos cara o obxectivo de residuo cero", sinalou a titular de Medio Ambiente, que salientou que "tamén se terá en conta á veciñanza con diversidade funcional, cun 25% de contedores adaptados", así como se potenciará unha redución das emisións de ruído. Á marxe disto, a concelleira García destacou, na xornada na que se reuniu con representantes do cadro de persoal da actual contrata, que este novo contrato "tamén será pioneiro no que atinxe ás condicións laborais dos e das traballadoras", xa que o Concello "levará a cabo un exhaustivo control de calidade sobre a empresa que resulte adxudicataria, de cara a que a disposición de medios materiais e humanos para desenvolver o servizo de recollida sexa o preciso". O prego final de licitación introducirá unha serie de innovadoras cláusulas laborais que se completarán con outras de xénero de cara a fomentar a igualdade entre homes e mulleres, á vez que garantirá a continuidade da plantilla actual e as súas condicións salariais.

Cláusulas sociais de obrigado cumprimento

"Unha das novidades deste prego é que as cláusulas sociais foron incluídas como condicionantes especiais do contrato, é dicir, son obrigas que a empresa contratista debe cumprir e non, como ocorría até o de agora, un elemento de valoración, que implicaría deixar na man dos licitadores facer avances neste ámbito", explicou a responsable municipal. "Estamos a facer unha aposta decidida polo emprego de calidade no sector ambiental, así como pola economía verde", comentou García, que insistiu en que os pregos que sairán a licitación especifican a necesidade de "manter as condicións laborais durante a vixencia do contrato, garantir o mantemento das retribucións salariais, sen que poida producirse un descolgue por ningunha causa, así como garantir o dereito de subrogación da actual plantilla recollida no convenio colectivo de aplicación".

De feito, o novo prego de contratación axuntará un anexo no que se especificarán as relacións do persoal que presta, na actualidade, os servizos de conteneurización, recollida e transporte de residuos, a efectos do procedemento da  subrogación que se contempla como obrigatoria. A firma que resulte, finalmente, adxudicararia terá que considerar, ademais, os convenios vixentes para cada unha das prestacións que conforman o contrato, así como manter as condicións laborais durante a pervivencia do mesmo. "O cumprimento das obrigas laborais derivadas dos convenios teñen carácter de obrigación contractual esencial", salientou García, quen destacou que "o pago de salarios ás persoas traballadoras dentro do prazo pertinente terá carácter de condición especial de execución, polo que o impago será considerada unha infracción moi grave, con multas que poden ir dende os 50.000 euros até o 10% do prezo do contrato".

Ceder o contrato sen a debida autorización municipal, incumprir a normativa de seguridade e saúde no traballo, alterar as normas laborais ou o convenio colectivo do persoal a empregar, alterar, sen a autorización municipal, o número de postos de traballo en cada unha das categorías, ou incumprir as obrigas do contrato terán, do mesmo xeito, a consideración de infraccións moi graves.

Acceso permanente á información

Por outro lado, e de cara a manter un control exhaustivo das condicións laborais, a firma que finalmente resulte adxudicataria do contrato de recollida deberá facilitar ao departamento de Medio Ambiente o acceso permanente a información relativa á presenza de cada un dos e das integrantes do persoal no seu posto de traballo, aos horarios que desempeñan e aos boletíns mensuais de cotización á seguridade social do persoal que prestou os seus servizos no período anterior ao de facturación.

O prego de contratación estipulará tamén unha serie de criterios que serán fundamentais debido a decantar a adxudicación definitiva do servizo. Deste xeito, valorarase, por exemplo, "a calidade e a intensidade das propostas de formación das persoas traballadoras mentres estea vixente o contrato". Ademais, "toda a documentación e publicidade aparellada á execución do contrato que teña que realizar a empresa deberá contar cunha linguaxe inclusiva e evitar calquera imaxe discriminatoria das mulleres, así como o uso de estereotipos sexistas".

Fomento da economía social

Por outro lado, no caso de que, aplicando os distintos criterios de valoración, dúas empresas ou máis empaten, "aqueles licitadores que teñan unha maior porcentaxe de traballadores con diversidade na súa plantilla, terán preferencia na adxudicación". Se foran necesarias novas contratacións de persoal, así como á hora de cubrir baixas e substitucións, os pregos elaborados por Medio Ambiente especifican que se dará prioridade, en primeiro lugar, a aqueles membros do cadro de persoal que non estean en réxime de xornada completa. Ademais, tamén se priorizará o avance cara a igualdade de xénero, favorecendo a contratación de mulleres e, nomeadamente, vítimas de violencias machistas, ademais de persoas perceptoras de rentas mínimas de inserción, persoas con diversidade funcional recoñecida, refuxiadas ou en situación de asilamento, así como participantes en programas municipais de inserción sociolaboral, por pertencer a colectivos en risco de exclusión ou con dificultades especiais de acceso ao mercado laboral. "En calquera caso, o contratista non poderá minorar en ningún caso o cadro de persoal adscrito ao contrato", subliñou a concelleira.

No caso de que existan servizos que sexan subcontratados, Medio Ambiente indica a necesidade de contratar estes traballos con empresas de economía social. Estas entidades "deben acreditar a solvencia económica e técnica suficiente para levar a cabo as actuacións requiridas". A subcontratación deberá representar, cada ano, entre un 0,5% e un 2% do orzamento anual do contrato.

Igualdade

No que atinxe ás cláusulas sociais introducidas nos pregos polo Concello, estas obrigan a que a empresa contratista garanta "a igualdade entre mulleres e homes en canto á clasificacion profesional e a promoción e estabilidade laboral". Así, a compañía adxudicataria do contrato deberá presentar no prazo dun mes tras a resolución da licitación un plan de igualdade "que será  de aplicación para todas as persoas que executen o contrato".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión