2 de marzo de 2023
A XI Carreira Popular Torre de Hércules terá lugar o 18 de marzo xunto cunha andaina solidaria para conmemorar o 8 de marzo
A décima edición do circuíto Coruña Corre bota a andar coa apertura das inscricións para o conxunto das carreiras populares e para a súa primeira proba, a XI Carreira Popula Torre de Hércules, que por terceira edición consecutiva estará acompañada dunha andaina solidaria para conmemorar o Día Mundial da Muller. As persoas interesadas en participar xa poden informarse sobre o circuíto e cada unha das carreiras a través da páxina web de Coruña Corre.
O Goberno de Inés Rey continúa deste xeito co seu apoio ao deporte local e amosa o seu compromiso cun circuíto de carreiras moi querido e demandado polas persoas corredoras das cidade. "A nosa intención é que nesta décima edición consigamos bater o récord de inscricións da pasada edición e fomentemos así a práctica deportiva nas distintas idades", sinalou Rey.
A primeira proba, a Carreira Popular Torre de Hércules Trofeo José Antonio Varela Calviño, terá lugar o vindeiro sábado 18 de marzo ás 20.00 horas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o domingo 12 de marzo ás 23.59 horas. A cota de inscrición será de 3 euros máis 2 euros polo chip refugable. Haberá unha cota especial para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e beneficiarias do Carné Xove de 2 euros polo dorsal e 1 euro polo chip.
Por outra banda, as persoas que queiran inscribirse no circuíto completo de Coruña Corre poderán facelo tamén desde hoxe a través da páxina web. Este tipo de inscrición xera automaticamente a inscrición en cada unha das probas, sen necesidade de confirmar a participación de xeito individual. O custo é de 12 euros. As persoas participantes utilizarán o mesmo dorsal e chip para todo o circuíto. No momento da inscrición, os participantes na C21 e na 5K do pasado 12 de febreiro deberán indicalo para que se lles devolva o 50 % do prezo do circuíto, unha vez comprobados os datos.
Nesta primeira proba, como é habitual, ademais da categoría absoluta haberá categorías inferiores, que se disputarán a partir das 17.00 horas. Ademais, terá lugar a terceira andaina solidaria para conmemorar o 8 de marzo. Nesta proba, que comezará 5 minutos despois da carreira absoluta, poderá participar calquera persoa con independencia da súa idade. As persoas participantes deberán realizar unha doazón e levarán o dorsal solidario 261. As doazóns serán de 3 e 5 euros ou dunha cantidade superior. As persoas participantes recibirán un obsequio conmemorativo.
Os dorsais da carreira, da andaina e do circuíto recolleranse o venres 17 de marzo de 17.00 a 21.30 horas e o sábado 18 de marzo, día da proba, desde as 10.00 horas ata media hora antes do comezo da carreira que corresponda.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible