Fotografía aérea do sistema defensivo do castro de Elviña
Un perímetro con tres murallas
Elviña é un espazo característico dos poboados fortificados da cultura castrexa, protexido pola súa localización estratéxica no alto do monte e polas súas complexas estruturas defensivas, que se adaptan á forma en xeral ovoide do montículo.
Elviña está rodeado por un perímetro de tres murallas, que se reforzan naqueles puntos nos que o terreo carece de defensas naturais, e que se construíron en distintos momentos históricos.
O seu sistema defensivo é o resultado de máis de catro séculos de evolución e a influencia de dúas culturas distintas, a castrexa e a romana, que coexistiron nun mesmo hábitat. A conquista romana sentou un antes e un despois no castro.
As murallas dos castros tiveron en orixe unha función defensiva que posiblemente se foi perdendo co tempo, para pasar a ser un signo de identidade e de poder que completase o seu carácter práctico de cerrar un recinto habitado. Esta evolución produciuse a medida que foron cambiando as relacións dos seus poboadores co exterior.
Fotografía aérea da muralla da primeira terraza e o acceso sueste
A muralla da acrópole
A muralla da acrópole
É moi posible que a primeira muralla do castro estivese construída con materiais perecedoiros e que formase un sistema defensivo simple ao redor da acrópole, o punto máis alto do poboado e a primeira zona que foi habitada.
Esta construción debeu de ser substituída pola muralla de pedra que se conserva actualmente, que mide entre 4 e 5 metros de ancho e que conserva unha altura de ata 3 metros. A parte interna da muralla dispoñía dun camiño de rolda delimitado por un muro.
Esta muralla está feita con pedras máis ben redondeadas de grandes dimensións e aparello de cachotería con tendencia a formar fiadas horizontais. No interior está rechea de cascotes de pedra e terra.
A muralla posúe dúas portas, de carácter monumental, protexidas por torreóns, e nalgunhas zonas está cimentada sobre roca nai.
Dúas terrazas amuralladas
Nas ladeiras do outeiro despréganse outras dúas murallas, de ata 2,50 metros de ancho, que se unen ao leste e oeste coa da acrópole. Foron construídas durante a fase de romanización do castro, e conforman dúas terrazas que ampliaron en gran medida o tamaño do poboado.
Ambas teñen dimensións máis reducidas que a muralla da acrópole e están construídas con pedras moito máis estreitas e longas, dispostas en fileiras.
A muralla sur data da época flavia, de finais do século I d.C, aínda que as últimas escavacións indican que puido haber unha construción no mesmo lugar anterior a ela.
Vista do acceso suroeste da acrópole
Portas e accesos
Actualmente podemos ver dúas portas de acceso á acrópole, protexidas por senllos torreóns, con carácter monumental.
A porta suroeste da acrópole está formada por unha rampla pavimentada, flanqueada por dous torreóns semicirculares entre os que se colocaría a porta, probablemente de madeira. Nun dos laterais do muro pódese ver unha fenda vertical na que iría apoiada a viga que serviría de marco para a porta.
Ao sueste sitúase un acceso de características moi similares, tamén monumental e con dous torreóns semicirculares que foron parcialmente reconstruídos nas intervencións dos anos 80.
A subida á acrópole ten lugar por unha escaleira en curva, que pasa a converterse nunha rampla ao cruzar os torreóns. O primeiro chanzo está labrado na propia rocha e o resto está pavimentado con laxas de granito moi puídas polo uso.
Tras o torreón situado máis ao leste encóntrase a fonte cuberta.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible