Concello da Coruña

Concello da Coruña

Deportes

Área de Fomento e Promoción da cidade

Campamentos Deportivos de Nadal - 2025/2026

Convocatoria para participar nos Campamentos Deportivos de Nadal 2025/2026, onde se realizarán actividades deportivas dirixidas por persoal especializado.

10 de decembro de 2025 - PRAZAS A LIBRE DISPOSICIÓN

Unha vez que concluíu o prazo para formalizar a matrícula do movemento da lista de espera, as prazas vacantes quedan a libre disposición ata o 17 de decembro ou ata esgotarse.

Pódense cosultar as prazas dispoñibles EN TEMPO REAL a través da plataforma Cronos Web na seguinte ligazón: Cronos Web (https://coruna.gal/CronosWeb/Login)

Poderá acceder a elas calquera persoa que cumpra cos requisitos establecidos nas bases, fixese ou non preinscrición.

A matrícula nas prazas vacantes poderase formalizar unicamente de modo presencial, acudindo á caixa do Palacio de Deportes de Riazor (r/ Manuel Murguía, s/n) en horario das 08:15 ás 14:00 h. As prazas adxudicaranse por orde de cita previa.

4 de decembro de 2025 - MOVEMENTO DA LISTA DE ESPERA

Tras a finalización do prazo para formalizar a matrícula por parte das persoas con praza adxudicada no sorteo, procédese ao primeiro e único movemento da lista de espera coas prazas que quedaron vacantes.

QUENDA POSICIÓN NA LISTA DE ESPERA
Quenda 1 Do 2 ao 18 da lista de espera (1)
Quenda 2 Do 12 ao 35 da lista de espera (2)
  • (1) O número 1 da lista de espera saltouse por estar xa matriculado na outra quenda.
  • (2) Os números 1 a 11 da lista de espera saltáronse nesta quenda porque xa se lles adxudicara, neste movemento da lista de espera, praza na outra quenda (a súa 1.ª opción de preferencia).

As persoas indicadas na táboa anterior poderán formalizar a matrícula nos prazos e formas indicados a continuación:

DATAS: do 4 ao 9 de decembro de 2025 (ambos incluídos)

LUGAR: habilitaranse dúas modalidades para formalizar a matrícula:

  • Presencial: acudindo á caixa do Palacio de Deportes de Riazor (r/ Manuel Murguía, s/n), en horario das 08:15 ás 14:00 h. Terán preferencia as persoas que concerten cita previa e no seu horario. As persoas sen cita previa poderán acudir a matricularse nos horarios que queden dispoñibles. Para que a matrícula sexa efectiva deberá cubrirse o formulario de inscrición e aboarse a taxa correspondente.

Cada persoa só se poderá matricular nunha quenda. A matrícula nunha quenda supón a renuncia expresa á outra quenda solicitada, agás que, feito o movemento da lista de espera, quedasen prazas dispoñibles.

No caso de non formalizar a inscrición no prazo establecido, entenderase que se renuncia á praza e as prazas vacantes quedarán a libre disposición a partir do 10 de decembro.

DOCUMENTACIÓN que se debe acompañar xunto coa matrícula:

  • No caso de matrícula presencial: DNI/NIE do/da menor (de non ter, presentarase o Libro de familia) e DNI/NIE do pai, nai ou titor/a.
  • Só se procede, informes médicos ou outros.

28 de novembro de 2025 - LISTAXE CORRIXIDA

Tras detectar un erro administrativo, publícase a listaxe corrixida de adxudicación de prazas e lista de espera, organizada por quenda de campamento.

27 de novembro de 2025 - LISTAXE DE ADXUDICACIÓN DE PRAZAS E LISTA DE ESPERA

Publícase a listaxe de adxudicación de prazas e lista de espera, organizada por quenda de campamento.

Para elaborar estas listaxes, tivéronse en conta os criterios de preferencia establecidos no punto 6.6 das bases da convocatoria:

  1. As persoas empadroadas no Concello da Coruña
  2. A orde de preferencia da quenda indicada na solicitude (opción 1 ou opción 2)
  3. O número asignado á solicitude en relación co número obtido no sorteo público (194)

MATRÍCULA E FORMALIZACIÓN DA INSCRICIÓN

DATAS: as persoas que obtivesen praza poderán formalizar a matrícula do 27 de novembro ao 3 de decembro de 2025 (ambos incluídos).

LUGAR: habilitaranse dúas modalidades para formalizar a matrícula:

  • Presencial: acudindo á caixa do Palacio de Deportes de Riazor (r/ Manuel Murguía, s/n), en horario das 08.15 ás 14.00 h. Terán preferencia as persoas que concerten cita previa e no seu horario. As persoas sen cita previa poderán acudir a matricularse nos horarios que queden dispoñibles. Para que a matrícula sexa efectiva deberá cubrirse o formulario de inscrición e aboarse a taxa correspondente.

Cada persoa só se poderá matricular nunha quenda. A matrícula nunha quenda supón a renuncia expresa á outra quenda solicitada, agás que, feito o movemento da lista de espera, quedasen prazas dispoñibles.

No caso de non formalizar a inscrición no prazo establecido, entenderase que se renuncia á praza e adxudicaranse as prazas vacantes seguindo a lista de espera.

DOCUMENTACIÓN que se debe acompañar, xunto coa matrícula:

  • No caso de matrícula presencial: DNI/NIE do/da menor (de non ter, presentarase o Libro de familia) e DNI/NIE do pai, nai ou titor/a.
  • Só se procede, informes médicos ou outros.

25 de novembro de 2025

25 de novembro de 2025 - NÚMERO OBTIDO NO SORTEO

Realizouse o sorteo e o número obtido é o 194, que establecerá o corte para a adxudicación das prazas nos Campamentos Deportivos Municipais de Nadal 2025-26.

Pódese comprobar o resultado na seguinte ligazón: SORTEO

A publicación da listaxe de persoas admitidas e lista de espera está prevista para o 27 de novembro de 2025.

24 de novembro de 2025 - LISTAXE DEFINITIVA DE SOLICITANTES PARA O SORTEO

Finalizou o prazo para corrixir os erros e cotexado o dato do Padrón, publícase a listaxe definitiva de solicitantes, con indicación do número co que participarán no sorteo:

Así mesmo, publícase a listaxe coas solicitudes anuladas, que NON participarán no sorteo:

O sorteo para obter o número de corte para a asignación das prazas terá lugar o martes 25 de novembro de 2025, ás 09.00 h.

Pódese seguir en directo a través da seguinte ligazón: SORTEO

20 de novembro de 2025 - LISTAXE PROVISIONAL DE SOLICITANTES

Tal e como establece a base 6.2 da convocatoria, publícase a listaxe provisional de solicitantes.

Listaxe provisional solicitantes Campas Deportivos de Nadal 2025-26

CORRECCIÓN DE ERROS: ábrese un prazo para a corrección de erros desde esta publicación e ata o 23 de novembro de 2025, ás 23.59 h.

As alegacións presentaranse por correo electrónico a través do enderezo programasdeportivos@coruna.gal.

No prazo de corrección de erros non se admitirán novas solicitudes nin cambios na orde de preferencia das quendas, tan só se atenderá á corrección dos datos persoais consignados no formulario.

13 de novembro de 2025: CONVOCATORIA

A continuación, recóllese un resumo das bases da convocatoria que regula este procedemento. As bases completas pódense consultar no documento no pé da páxina.

PERSOAS DESTINARIAS

Poboación infantil e xuvenil con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos (nados/as entre o 01/01/2013 e o 31/12/2019). Aclárase que as persoas beneficiarias son as e os menores, non as súas persoas titoras legais ou custodias.

Terán preferencia as persoas empadroadas no Concello da Coruña.

Os e as menores que desexen participar no campamento deberán ser autónomos/as e ter control de esfínteres.

PROGRAMA TIPO E HORARIO

HORARIO PROGRAMA TIPO
08:30-09:00 Chegada e recepción de participantes
09:00-10:30 Actividade deportiva I
10:30-12:00 Actividade deportiva II
12:00-12:30 Merenda (deberá ser achegada polos/as participantes)
12:30-14:00 Actividade deportiva III
14:00/14:30 Devolución e recollida de participantes

Actividades previstas: durante o desenvolvemento de cada quenda de campamento están previstas as actividades que se relacionan a continuación, susceptibles de variación por razóns organizativas e/ou de seguridade: atletismo, loita e defensa persoal, bádminton, xadrez, xogos acuáticos, actividades na natureza ou no exterior.

Horarios:

  • Horario xeral das actividades: 09:00-14:00 h
  • Horario ampliado de conciliación:
    • Entrada: desde as 08:30 ata as 09:00 h
    • Saída: a elixir entre:
      • 14:00 h
      • 14:30 h

A opción de horario ampliado non supón un custo engadido.

LUGAR DE REALIZACIÓN

A sede principal será a Cidade Deportiva de Riazor. Poderanse realizar excursións e actividades en puntos de interese da cidade.

QUENDAS E PRAZAS

Establécense 2 quendas:

  • Quenda 1: 22, 23, 24 e 26 de decembro de 2025
  • Quenda 2: 29, 30, 31 de decembro de 2025 e 2 de xaneiro de 2026

Ofértanse un total de 144 prazas, organizadas en 72 prazas por quenda.

No formulario de solicitude deberá consignarse a quenda á que queren asistir, por orde de preferencia.

PREZO

Aplicaranse as tarifas segundo a ordenanza fiscal en vigor (OF 15 art.6), e será o prezo de 35,04 € por persoa e quenda.

O horario ampliado non supón un custo engadido.

Redución de taxas: poderán obter unha redución do 50% na taxa relativa a campamentos aquelas persoas que conten cuns rendementos económicos brutos per cápita, computados anualmente por todos os conceptos e por unidade familiar, que non superen o indicador público de renda de efectos múltiples vixente no momento de efectuar a solicitude.

CRITERIOS DE PREFERENCIA PARA ADXUDICAR AS PRAZAS

Para establecer a orde de preferencia para adxudicar as prazas terase en conta:

  • 1.º- As persoas empadroadas no Concello da Coruña
  • 2.º- A orde de preferencia da quenda indicada na solicitude (Opción 1 ou Opción 2)
  • 3.º- O número asignado á solicitude en relación co número obtido no sorteo público

As persoas admitidas na súa primeira opción de preferencia quedarán automaticamente excluídas para a adxudicación na súa segunda opción, e pasarán ao final da lista de espera.

As persoas que non obtivesen praza neste proceso, pasarán a formar parte da lista de espera.

DATAS PARA TER EN CONTA

  • Presentación de solicitudes (PREINSCRICIÓNS): do 14 ao 18 de novembro de 2025 ás 23.59 horas, a través do formulario en liña.
  • Publicación da listaxe provisional de solicitantes: 20 de novembro
  • Corrección de erros: desde a publicación da listaxe provisional e ata o 23 de novembro de 2025 ás 23.59 horas, enviando un correo electrónico a programasdeportivos@coruna.gal 
  • Publicación da listaxe definitiva para o sorteo: 24 de novembro de 2025
  • Sorteo (de ser necesario): 25 de novembro, ás 09.00 horas
  • Publicación da listaxe de adxudicación de prazas: 27 de novembro de 2025, a partir das 14:00 h
  • Formalización da matrícula das persoas admitidas: do 27 de novembro ao 3 de decembro de 2025, telematicamente ou presencialmente, acudindo á caixa do Palacio de Deportes de Riazor das 08:15 ás 14:00 h
  • Publicación do único movemento de lista de espera: 4 de decembro de 2025
  • Formalización da matrícula das persoas admitidas da lista de espera: ata o 9 de decembro de 2025
  • Publicación das prazas a libre disposición: 10 de decembro de 2025
  • Libre matrícula: ata o 17 de decembro ou ata esgotárense as prazas

PREINSCRICIÓN

As solicitudes para participar nos campamentos realizaranse do 14 ao 18 de novembro de 2025, a través do seguinte formulario:

Solicitude de preinscrición nos campamentos de Nadal

Non se admitirán preinscricións realizadas por outros medios.

Poderanse solicitar un máximo de 2 opcións, por orde de preferencia.

Cada menor só poderá constar nunha única solicitude (individual ou familiar). No caso de rexistrar, para unha mesma persoa, máis dunha solicitude, só se terá en conta a última, e anularanse de oficio todas as feitas con anterioridade.

Solicitude familiar: para colaborar na conciliación das familias, no caso de que desexen optar á mesma quenda de campamento, deberán cubrir un único formulario de preinscrición (solicitude familiar), coa condición de que todos/as os7as menores sexan membros da mesma unidade familiar ou demostren convivencia no mesmo domicilio.

  • A solicitude familiar permite, nun mesmo formulario, a preinscrición de ata 3 menores. No caso de superar esta cifra, deberán cubrir outro formulario correlativo no tempo se desexan optar á mesma quenda.
  • No caso de que se presenten solicitudes-formularios diferentes non se garante a asistencia á mesma quenda, no caso de obter praza.

Aclárase que as persoas beneficiarias son as e os menores, por tanto só poderán realizar a solicitude de preinscrición e a matrícula, de ser o caso, os/as titores/as legais que teñan a custodia. No caso de custodia compartida, as persoas interesadas deberán poñerse de acordo previamente; no caso de non alcanzar acordo, deberán remitirse ao Servizo de mediación de familia da Xunta de Galicia ou organismo competente, que será quen determine que custodio debe formalizar a solicitude e a matrícula.

EQUIPAMENTO E RECOMENDACIÓNS PARA PARTICIPANTES

  • Indumentaria: roupa e calzado deportivo e abrigo para as actividades exteriores. Para as actividades na piscina, deberán levar bañador, toalla, chanclas, gorro e recoméndanse lentes de natación tamén.
  • Recomendacións: levar un pequeno bidón, cantimplora ou similar irrompible (non se admite de cristal) identificado co seu nome e unha pequena merenda para tomar a media mañá.

Enviaráselles ás persoas participantes, por correo electrónico, a información relativa ao desenvolvemento da actividade.

Documentos relacionados

  • Basees Campamentos Deportivos de Nadal 2025-26 (504 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión