Concello da Coruña

Concello da Coruña

O Concello recupera a Cea do Deporte, que homenaxeará este sábado a entidades e referentes deportivos da cidade

Durante a celebración, que terá lugar este sábado no Palacio dos Deportes de Riazor, homenaxearase a Juan Copa, adestrador do Hockey Club Liceo; Irene Martínez, do Club Halterofilia Coruña; e ao colexiado Carlos Cortés

Cando:

24 de xuño de 2022

O Palacio dos Deportes de Riazor acollerá mañá, sábado 25 de xuño, a Cea do Deporte, unha cita histórica do calendario da cidade que pon o peche á tempada de actividades nas Escolas Deportivas Municipais.

A alcaldesa, Inés Rey, asistirá mañá ao evento, recuperado este ano polo Goberno municipal tras sete anos de ausencia, co obxectivo de poñer o colofón ao curso das Escolas Deportivas Municipais e homenaxear o traballo e traxectoria dos deportistas e entidades máis destacados do municipio. Será, en definitiva, unha noite de festexos para poñer en valor o dinamismo e actividade do tecido deportivo local.

Neste sentido, e xa nos prolegómenos da cea, ás 21.45 horas, terá lugar a entrega de galardóns. En primeira instancia premiarase a Irene Martínez Santiago, atleta do Club Halterofilia Coruña que se proclamou campioa de España de halterofilia en 59 kg., acadando o seu décimo terceiro título en 14 anos. A continuación, e xa na categoría que recoñece ao mellor adestrador, homenaxearase ao coruñés Juan Copa, á fronte do Hockey Club Liceo que se proclamou campión da OK Liga 2021-22 a semana pasada. Ademais, e na categoría que recoñece ao mellor xuíz ou árbitro, Inés Rey entregará o premio ao colexiado Carlos Cortés Rey, que nesta tempada superou o medio milleiro de encontros arbitrados na Liga ACB de baloncesto. 

Tamén haberá tempo para homenaxear a un clásico do fútbol da cidade, o Sin Querer, que recibirá unha mención especial polo centenario da fundación do clube. De seguido, e xa para rematar, a alcaldesa entregará dúas mencións especiais a Purificación Fernández Casal e Jesús López Castaño, dous dos usuarios máis lonxevos das Escolas Deportivas Municipais.

A Cea do Deporte, previa do Día do Deporte na Cidade

A Cea do Deporte comezará arredor das 21.30 horas e será presentada pola xornalista coruñesa Leticia García Chas. Será, ademais, a antesala dunha xornada moi especial no contexto do calendario deportivo coruñés: este domingo, as rúas da Coruña acollerán o Día do Deporte na Cidade, con case setenta actividades programadas entre cinco enclaves: a pista deportiva de Durmideiras; os xardíns de Méndez Núñez; a Cidade Deportiva de Riazor; a praza de Tabacos, na contorna da Palloza; e a praia de Oza. 

Será en horario de mañá (11.00 a 14.00 horas), e de tarde (16.00 a 19.00 horas), coa participación de máis de setenta entidades deportivas e sociais da cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión