Concello da Coruña

Concello da Coruña

Bolsas Norteamérica 2027-2028

Programa mediante o cal ao alumnado de 4.º da ESO empadroado no Concello da Coruña e matriculado nun centro educativo da cidade durante o curso 2026/27 ofréceselle a oportunidade de cursar o Grao 11 (equivalente a 1.º de Bacharelato) no Canadá, durante o curso 2027/28.

Localización do centro:

Só da Coruña

Servizo municipal:

Educación

Tipo de actividade:

Outras

Titularidade do centro:

Público, Concertado, Privado

A quen vai dirixido?:

Alumnado empadroado no Concello da Coruña que estea cursando 4.º da ESO durante o curso 2026/2027 e que estea en condicións de cursar 1.º de bacharelato durante o curso 2027/2028.

Obxecto:

O programa ten como obxectivo que as persoas participantes adquiran un dominio avanzado da lingua inglesa, así como un coñecemento real doutra cultura.

Que inclúe o programa

  • Estadía no Canadá durante o período correspondente a un ano académico neste país, vivindo cunha familia residente. A efectos de cumprimento das Bases, debe considerarse que a saída se pode producir a partir do 15 de agosto de 2027 e a chegada o 30 de xuño de 2028, con independencia de que os períodos reais poidan ser inferiores.
  • Escolarización nun centro educativo de Canadá (High School), en réxime de libre elección das materias ofertadas que mellor se correspondan co nivel de 1º de Bacharelato do sistema educativo español, dentro do marco normativo establecido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, para a validación destes estudos.
  • Organización de xornadas informativas para o alumnado participante no programa.
  • Tramitación e obtención do visado de entrada no Canadá, en Madrid, ademais das probas biométricas necesarias, incluíndo a viaxe de ida e volta do alumnado. A tramitación do visado realizarase despois da resolución definitiva, meses antes da saída ao Canadá (mes de abril ou maio de 2027) polo que para a súa tramitación, as persoas que resulten beneficiarias deben ter en vigor nestas datas toda a documentación necesaria (NIF, NIE, pasaporte, permiso de residencia etc.).
  • Viaxe e desprazamentos de ida e volta desde A Coruña ata a poboación de destino no Canadá para cada participante.
  • Seguimento e control da vida dos/das menores na familia de acollida, do seu comportamento e rendemento académico no centro, así como da súa vida social.
  • Convalidación dos estudos realizados polo alumnado no Canadá ante a Administración Educativa. É preciso indicar que o Estado español pode non validar os estudos no caso que os/as estudantes beneficiarios/as da bolsa non aproben todas as materias no país estranxeiro.
  • Asistencia sanitaria e seguro de responsabilidade civil.
  • Diñeiro de peto para os gastos persoais do alumnado, por un importe de 120 € mensuais, durante os meses de estadía no Canadá.
  • Diñeiro de preparación da viaxe, por un importe de 400 euros en pago único para o alumnado valorado con 10 puntos no criterio de baremación da situación económica da unidade familiar (renda per cápita). O importe deberá facerse efectivo con carácter anticipado á viaxe.

Contía e tipo de bolsa

O crédito total consignado para esta convocatoria é de 648.723,11 €. O custo/praza será o resultado de dividir o total do crédito destinado ao programa entre o total de prazas ofertadas pola empresa adxudicataria do contrato de xestión do programa.

A participación no programa de Bolsas Norteamérica 2026-2027 non implica a total gratuidade para o alumnado beneficiario, polo que as familias, en función da súa renda per cápita, achegarán as cantidades que lles correspondan, establecendo dous tipos de bolsa:

  • Bolsa total. Serán beneficiarias as persoas seleccionadas que obteñan unha puntuación entre 5 e 10 puntos no apartado da renda económica da unidade familiar nuclear.
  • Bolsa parcial. O Concello asumirá un máximo do 95% e un mínimo do 75% do custo total das prazas do alumnado seleccionado que obteña entre 0 e 4 puntos no apartado da renda económica da unidade familiar nuclear. Por tanto, as familias do alumnado beneficiario de bolsa parcial asumirán un mínimo do 5% e un máximo dun 25% do prezo da praza.

Diñeiro de peto

As persoas seleccionadas disporán de 120 € mensuais como diñeiro de peto para os seus gastos persoais.

Criterios de baremación

  • Cualificación media obtida en 3º de ESO, ata un máximo de 8 puntos.
  • Cualificación final da materia de lingua estranxeira (inglés) en 3º de ESO, ata un máximo de 5 puntos.
  • Renda per cápita da unidade familiar, ata un máximo de 10 puntos
  • Persoa con discapacidade. Nos casos no que se acredite a existencia dunha situación de discapacidade da persoa solicitante da bolsa, outorgaráselle 1 puntos na baremación.
  • Violencia no ámbito familiar. Nos casos no que se acredite a existencia de situación de violencia de xénero na unidade de convivencia da persoa solicitante da bolsa, outorgaráselle 1 punto na baremación. Non se terán en conta os ingresos da persoa agresora á hora de determinar a renda per cápita. Esta última condición acreditarase presentando a documentación que se indica no art. 5 da Lei 11/2017, do 27 de xullo, galega para a prevención e o Tratamento Integral da Violencia de Xénero.
  • Alumno/a solicitante pertencente a familia numerosa legalmente recoñecida: outorgaráselle 1 punto na baremación.
  • Situación de acollemento familiar do alumno/a solicitante: outorgaráselle 1 punto na baremación.
  • Alumno/a solicitante pertencente a unha familia coa condición de monoparentalidade: outorgaráselle 1 punto na baremación.

Documentación a presentar

  • Resgardo da ficha de solicitude que se cubriu en liña, na que se acepta participar no programa e as bases que o regulan. Este documento debe de estar asinado pola persoa solicitante e os seus proxenitores ou representante legal.
  • Copia do DNI/NIE da persoa solicitante e de todas as persoas incluídas na unidade familiar, no caso de que non se autorice a consulta ou esta non sexa posible.
  • Certificado académico das cualificacións correspondentes a 3º da ESO (curso académico 2025-26).
  • Certificado de matrícula do curso 2026-27 onde conste o nome da persoa solicitante, os datos do centro e o curso no que a persoa solicitante está matriculada.
  • Libro de familia completo ou documento equivalente expedido por un organismo oficial que acredite a filiación ou, no caso de existir outra relación coa persoa solicitante, a documentación xudicial ou administrativa que verifique este vínculo.
  • A situación de discapacidade da persoa solicitante ou dos irmáns/irmás da unidade familiar nuclear acreditarase co certificado expedido pola Xunta de Galicia ou organismo oficial competente na materia do grao de discapacidade, no caso de que non se autorice a consulta ou esta non sexa posible.
  • Se for o caso, documentación acreditativa da existencia de casos de violencia de xénero na unidade de convivencia, de conformidade co artigo 5 da Lei 11/2007, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
  • No caso das persoas solicitantes que se atopan en situación de acollemento familiar será necesario presentar copia da resolución administrativa ou xudicial que acredite esta circunstancia.
  • A situación de familia numerosa acreditarase presentando copia do título de familia numerosa, no caso de que non se autorice a consulta ou esta non sexa posible.
  • No suposto de familias monoparentais, achegarase acreditación documental das circunstancias familiares, tales como: título de familia monoparental, sentenza de divorcio e convenio regulador onde conste o relativo á custodia do menor, certificado de defunción (no caso de viuvez) e libro de familia ou documento análogo que acredite o estado civil dos membros da unidade de convivencia.
  • Declaración da renda do exercicio económico 2025 (en caso de non autorizar na solicitude en liña a consulta dos datos tributarios).

Presentación da documentación

A documentación complementaria do expediente e o xustificante de confirmación da inscrición en liña, debidamente asinado pola persoa solicitante e os seus titores legais, teñen que presentarse por rexistro para optar á bolsa.

O nome da persoa que debe aparecer como interesada na solicitude presentada por rexistro debe de ser o da menor que solicita a bolsa.

O impreso municipal para a presentación da solicitude por rexistro é o Mod 001 solicitude xeral: https://sede.coruna.gal/descarga/1150716275584/mod001_Solicitude_xeral_campos-2.pdf

Os rexistros municipais facilitan unha copia do propio rexistro (está dispoñible na sede electrónica).

A presentación da documentación pode facerse:

Obrigacións das persoas beneficiarias

O alumnado seleccionado está obrigado a:

  • Participar en cuantos viaxes e reunións sexan convocadas.
  • O incumprimento destas obrigacións implicará a expulsión do programa e acordarase por resolución motivada do órgano competente.

Publicidade e transparencia

A selección do alumnado participante realizarase por parte do Concello en réxime de concorrencia competitiva. Esta selección efectúase de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade e non discriminación, aplicando os criterios de valoración fixados nas bases.

O procedemento para a selección do alumnado iniciarase de oficio mediante a correspondente convocatoria aprobada polo órgano competente do Concello e estará publicado en:

O servizo municipal de Educación realizará as comunicacións aos participantes a través da páxina web municipal (/educacion/gl), sendo responsabilidade destes a consulta da mesma para obter a información relativa a: listaxes, prazos, convocatorias de reunións e outras cuestións relacionadas co programa.

Cando:

A estadía no Canadá comezará a finais de agosto de 2027 e finalizará en xuño de 2028, incluídas as vacacións escolares de Nadal e Semana Santa.

As datas de saída e regreso poden variar en función do estado ou territorio de destino.

Inscricións:

Dende o 05/10/2026 ata o 27/10/2026

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto das bases e da convocatoria do programa no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. Esta publicación realizouse o día 2 de outubro, polo que o prazo de presentación será do 5 ao 27 de outubro.

As persoas solicitantes deberán seguir os seguintes pasos para inscribirse no programa:

  1. Facer a inscrición en liña na web municipal de educación (www.coruna.gal/educacion) a través da ficha específica do programa. Unha vez feita a inscrición o sistema elabora un xustificante de confirmación que se envía ao correo electrónico facilitado na solicitude e que debe ser achegado co resto de documentación a presentar no Concello para formalizar a solicitude. Este xustificante ten un número de asignación (ID) que será o de referencia de cada expediente no proceso.
  2. Presentar por rexistro a documentación complementaria do expediente e o xustificante de confirmación da inscrición en liña (documento do apartado anterior) debidamente asinado pola persoa solicitante e os seus titores legais. O nome da persoa que debe de aparecer como interesada na solicitude presentada por rexistro debe de ser o do/a menor que solicita a bolsa.

Contacto:

Servizo Municipal de Educación

Tel.: 981 184 200 , ext. 10911

educacion@coruna.gal

Requisitos:

Poderá ser adxudicatario da bolsa o alumnado empadroado no Concello da Coruña e escolarizado nun centro educativo da cidade, que cumpra os seguintes requisitos:

  • Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE).
  • Residir e estar empadroado co seu pai, nai ou representante legal, de ser o caso, no concello da Coruña, polo menos desde o 1 de xaneiro de 2025.
  • Estar matriculado e cursando 4.º de ESO, nun centro escolar da cidade da Coruña, no curso 2026-2027.
  • Contar no curso de 3.º da ESO cunha cualificación media de 7 puntos ou máis e non ter ningunha materia suspensa.
  • Contar no curso de 3.º da ESO cunha cualificación de 7 puntos ou máis na materia de lingua estranxeira (inglés).
  • Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario/a, recollidas na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este requisito será comprobado só no caso de resultar adxudicatario, podendo dar lugar a que un solicitante inicialmente admitido pase a estar excluído por non cumprir este requisito na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Documentos relacionados

Teléfono de asistencia técnica da web educativa municipal (981 902 327)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión