Concello da Coruña

Concello da Coruña

PSTSV

Procedemento sancionador en materia de tráfico e circulación de vehículos de motor

Canles:

Telemático, Presencial

Nivel de tramitacion electronica:

Descarga do formulario

Tipo:

Sancionador

Materia:

Seguridade

Vixente:

Si

Procedemento para sancionar infraccións de tráfico e circulación cometidas dentro das vías urbanas do termo municipal. Inclúe a denuncia, notificación á persoa infractora, posibilidade de alegacións ou pago e resolución final.

A través do procedemento sancionador de tráfico, o Concello sanciona as infraccións de circulación cometidas dentro das vías urbanas do municipio.

Iníciase de oficio mediante unha denuncia formulada por axentes da Policía Local ou vixilantes controladores do servizo público de ordenación e regulación do aparcamento (ORA).

A persoa interesada recibe a notificación e pode pagar con redución do 50%, co que se finalizaría o expediente, ou presentar alegacións e probas en prazo.

Tras a instrución do procedemento, dítase unha resolución que confirma ou arquiva a multa.

Se a sanción queda firme, execútase mediante o pago voluntario ou, na súa falta, vía de prema, con posibilidade de interpoñer un recurso en vía administrativa ou contencioso-administrativa. No caso de que implique detracción de puntos do permiso de conducir, a sanción comunícaselle á Dirección Xeral de Tráfico.

Procedemento sancionador en materia de tráfico e circulación de vehículos de motor

Inscricións:

Presentación

Prazo de presentación:

Prazo para identificar a unha persoa condutora: 20 días naturais dende o día seguinte da notificación do requirimento de identificación ou da notificación da denuncia

Prazo de alegacións: 20 días naturais dende o día seguinte á notificación

Prazo de pago con redución: 20 días naturais dende o día seguinte á notificación

Prazo de presentación de recurso potestativo de reposición: 1 mes dende o día seguinte ao da notificación da resolución sancionadora

Prazo de presentación de recurso contencioso-administrativo: 2 meses dende o día seguinte ao da notificación da resolución sancionadora

Documentación necesaria:

  • Documentación ou probas que se estimen oportunas.

FAQ´s

Como debo facer para presentar alegacións?

As alegacións poden presentarse por vía electrónica a través da sede electrónica municipal con certificado electrónico, de forma presencial nos rexistros habilitados ou por calquera dos medios previstos na normativa administrativa (art.16.4 da Lei 39/2015), indicando o número de expediente e achegando, de ser o caso, a documentación ou probas que se estimen oportunas.

Estou dado/a de alta no sistema de Dirección Electrónica Viaria da DXT, por que medio de notificación me van chegar as notificacións de multas de tráfico do Concello da Coruña?

Se vostede está dado/a de alta en DXT no sistema de notificación electrónica da Dirección Electrónica Viaria, todas as notificacións relativas a sancións de tráfico do Concello da Coruña se realizarán a través dese medio.

Como podo realizar a identificación dunha persoa condutora?

A través da sede electrónica ou nos rexistros municipais. Deberanse achegar os datos completos da persoa que conducía o vehículo no momento da infracción. Debe incluír o número de permiso ou licenza de condución que permita a identificación no Rexistro de Persoas Condutoras e Infractoras do organismo autónomo Xefatura Central de Tráfico. Se a persoa condutora non figura inscrita no aludido Rexistro de Persoas Condutoras e Infractoras, o/a titular deberá dispoñer dunha copia da autorización administrativa que o/a habilite a conducir en España e facilitarlla á Administración cando lle sexa requirida. Se o/a titular fose unha empresa de alugueiro de vehículos sen persoa condutora, a copia da autorización administrativa poderá substituírse pola copia do contrato de arrendamento. Dispón dun prazo de 20 días naturais, que se contarán a partir do día seguinte á notificación do requirimento.

Incumprir isto ou dar datos falsos implica unha sanción moi grave, que adoita ser o dobre ou triplo da multa orixinal, sen dereito a redución.

En todo caso, en infraccións de estacionamento, se o/a titular ou arrendatario/a non identifica a persoa condutora responsable ou habitual, será tido/a como responsable da infracción.

Como podo pagar a multa?

O pago da multa realizarase efectuando o ingreso na Caixa Municipal ou nas entidades bancarias colaboradoras (ABANCA, BBVA e Banco de Santander), por Internet: O meu pago ou a través dun cheque conformado e nominativo a favor do Concello da Coruña, indicando o número de expediente que corresponda.

Non podo pagar co meu certificado dixital. Que podo facer?

Sen certificado dixital poderase pagar con tarxetas de calquera entidade bancaria, a través das pasarelas de pago de ABANCA e CAIXABANK, sen custo en O meu pago

Chegoume unha carta da Deputación que me notifican unha providencia de prema por multa de tráfico:

Significa que a sanción non foi aboada en período voluntario e pasou á vía executiva para o seu cobro, xestionada polo organismo provincial de recadación.

Ante quen presento o recurso?

Os recursos deben presentarse ante o Concello da Coruña, que é o órgano sancionador, non ante a Deputación.

De que multa provén a prema?

Na notificación de prema figura o número de expediente (MUL/202X/XXX) da sanción orixinal que deu lugar ao procedemento de cobro.

Por que medio me notificaron? Non teño constancia dela.

A notificación pode realizarse por vía postal, por vía electrónica ou mediante publicación no boletín oficial correspondente, conforme á normativa vixente.

Teño un aviso de denuncia, en papel, por infracción da ORA no meu parabrisas. En que momento empeza o prazo para o pronto pago ou para presentar alegacións?

O prazo para o pronto pago ou para presentar alegacións á multa comeza a contar desde a notificación formal da denuncia, non desde a colocación do aviso no parabrisas.

O/a axente de Policía Local notificoume o boletín de denuncia en man. A partir de que momento empezan a contar os prazos?

Os prazos para proceder ao pronto pago da multa ou para presentar alegacións empezan a contar, para todos os efectos, desde o día seguinte ao da notificación en man.

O meu vehículo foi retirado polo guindastre e, cando acudín ao depósito, paguei a taxa por retirada do vehículo. Posteriormente, foime notificada unha multa de tráfico. Co pago da taxa do guindastre non queda xa pagada a multa?

Non, o pago das taxas para retirar o vehículo do depósito municipal non supón o pago da multa de tráfico. A taxa corresponde ao servizo de retirada e custodia do vehículo, mentres que a sanción tramítase nun procedemento independente.

Canles de presentación

Presencial

Que se necesita?:

  • Documento nacional de identidade e número de expediente ou número de boletín de denuncia, se é o caso.

Como se fai?:

  • Presentación de escrito de identificación da persoa  condutora, de alegacións e recurso

Internet

Que se necesita?:

  • Deberá dispoñer de certificado dixital.
  • Unha vez cuberta a solicitude telemática debe ter preparados os ficheiros que necesite para xustificar a subvención que solicita, segundo se especifica no apartado "Documentación necesaria".
  • No proceso de presentación solicitaráselle que asine dixitalmente a documentación presentada (deberá dispoñer de Autofirma no seu equipo), polo que non é recomendable asinar previamente a solicitude ou outros documentos.

Como se fai?:

  • A través desta Sede electrónica municipal.

En aplicación do artigo 14.2 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común, teñen a obriga de realizar este trámite a través da Sede electrónica:

a) As persoas xurídicas.

b) As entidades sen personalidade xurídica (asociacións, sociedades civís, comunidades de propietarios etc.).

c) Quen exerza unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da devandita actividade profesional. En todo caso, dentro deste colectivo entenderanse incluídos os notarios e rexistradores da propiedade e mercantís.

d) Quen represente a un interesado que estea obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración.

Páxina web:

https://sede.coruna.gal/opensiac/action/tramitacion?method=enter&id=2422

Teléfono

Como se fai?:

Atención telefónica para información xeral do procedemento

Onde se fai?:

981184200 (extensións 33101 e 33102) / 010

Despois

Prazo de resolución:

  • Prazo de caducidade: o prazo máximo para resolver e notificar é dun ano desde a incoación do procedemento. Se transcorre este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, o procedemento caduca e ordénase o arquivo das actuacións.
  • Prazos de prescrición: o prazo de prescrición das infraccións previstas en materia de tráfico será de tres meses para as infraccións leves e de seis meses para as infraccións graves e moi graves, que se contarán dende a data en que os feitos denunciados se cometeron.

Sentido do silencio administrativo:

No caso de presentación de alegacións á denuncia: non ten efectos. No caso de presentación de recurso administrativo: silencio desestimatorio

E despois?:

En caso de desestimación de alegacións ou recurso, execútase a sanción

En caso de estimación de alegacións ou recurso, arquívase o expediente.

Cabe recurso de reposición e/ou recurso contencioso-administrativo, segundo proceda.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión