7 de maio de 2025
A Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das formacións presenciais que se levarán a cabo ao abeiro do proxecto Éfeso ata finais de 2026
Este mércores, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde á licitación do contrato que permitirá impartir as formacións presenciais previstas ao abeiro do proxecto Éfeso Coruña ata finais do ano 2026.
A posta en marcha de Éfeso chega despois de que o Concello captase financiación do Fondo Social Europeo Plus co obxectivo de mellorar a inserción sociolaboral na cidade e daralle continuidade á estratexia que xa se seguiu no seu momento co programa Coruña Suma.
"Con Éfeso non só reforzaremos esta liña de traballo, senón que lle daremos un pulo extra ao fomento da inserción laboral de persoas desempregadas tanto da cidade da Coruña como da súa área e faremos fincapé en distritos onde, tal e como reflicten os informes municipais, hai máis taxa de desemprego. Por exemplo, a Sagrada Familia, Os Mallos, Os Rosales ou Labañou, entre outros barrios", explicou a alcaldesa, Inés Rey.
O obxectivo é que, por medio dos itinerarios formativos de Éfeso, se poidan reducir as fendas socioeconómicas existentes na cidade, mellorar a súa cohesión social, reducir as desigualdades "e abrir un novo horizonte de oportunidades formativas a persoas e colectivos que as necesitan".
O contrato que sae a concurso inclúe dez lotes formativos valorados en máis de 750.000 euros. Os módulos están orientados á formación no eido sociosanitario, actividades auxiliares en materia comercial e tamén na hostalería, así como no sector da Administración xeral.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible