30 de septiembre de 2021
O Concello aposta pola creación visual e escénica como ferramentas para romper barreiras e favorecer a integración social
A Coruña celebra desde hoxe o décimo "Encontro de artes pola integración" cun programa cultural, que se desenvolverá até o sábado entre a Cidade Vella, o Centro Ágora, os Estaleiros de Oza, o Teatro Rosalía de Castro e a biblioteca de Durán Loriga. O Concello apoia esta efeméride cunha chamada de atención a través das artes en prol da inclusión social en todos os campos, unha das máximas do Goberno de Inés Rey. Preténdense rachar, con esta posta en escena, as barreiras creadas e substituílas por vías de acceso bidireccionais entre artistas e persoas con capacidades diferentes para fomentar o coñecemento, o recoñecemento e, en definitiva, a integración e a inclusión social. Para iso, utilizaranse as artes visuais, o cinema, a música, a danza, o teatro e as técnicas dramáticas como instrumentos para a comprensión e a procura de alternativas a problemas sociais derivados da exclusión.
A convocatoria incluirá unha serie de relatorios e obradoiros presenciais que funcionarán como unha incubadora de ideas e conceptos capaces de fixarse na conciencia dos espectadores, en que participarán personalidades do mundo da cultura como o actor Victor Duplá, os músicos Davide Salvado e Pascal Kleiman, o bailarín Mikel Aristegui, o coreógrafo Jordi Cortés, o fotógrafo David Jiménez ou a directora do proxecto, Carlota Pérez. O festival procura visibilizar e normalizar a diversidade da mellor maneira posible, con exemplos prácticos e visibles da man de persoas con capacidades diversas.
O encontro comezará hoxe ás 20.30 horas no Teatro Rosalía coa peza de danza comunitaria "Habitados", con música en directo de Davide Salvado e Cibrán Seixo. Mañá, a praza de Azcárraga acollerá ás 17.00 horas a mostra de obradoiro de fotografía de David Jiménez con nenas e nenos. Será unha instalación efémera que permanecerá neste espazo durante un tempo indeterminado. Ás 19.00 horas, os estaleiros de Oza serán o escenario da intervención de Janet Novas con Davide Salvado e Carlos Pérez e a xornada concluirá ás 22.30 horas na biblioteca de Durán Loriga co teatro musical de "Sombra e silencio, fóra da cadea"; de Renata Felicitas Soskey, Christoph Simons e Cibrán Seixo.
O sábado, no Centro Ágora terá lugar a "Asamblea diversa" coa participación de Pascal Kleiman, que dialogará sobre o filme "No se necesitan alas para volar". Inés Enciso falará sobre "Avances e retos na práctica artística e a diversidade" e Eva García abordará o "Acampañamento a institucións para o desenvolvemento de proxectos artísticos comunitarios". Por último, Jordi Cortés intervirá con "Reflexións sobre a danza inclusiva". Pola tarde, o vestíbulo do centro ofrecerá "Rubindo Rochedos. Contos, lendas e cafés", un espectáculo de danza inclusiva protagonizado pola compañía 5S e que dirixen Víctor Duplá e Mikel Aristegui. Ás 18.00 horas, haberá un ciclo audiovisual con Alexis Delgado, unha mostra de videodanza inclusiva e unha exposición fotográfica e a actividade rematará co concerto de Pascal Kleiman, ás 20.30 horas. Todas as citas serán gratuítas.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible