26 de septiembre de 2021
A exposición, que se inaugurará o próximo venres, incide na prioridade do Goberno de Inés Rey de traballar pola recuperación da memoria histórica e dar a coñecer ás novas xeracións o esforzo e o risco que asumiu a sociedade da época en prol da liberdade
O Concello inaugurará o próximo venres a exposición "Transición a pé de rúa. Discurso político e mobilización social da ditadura franquista á democracia (1975-1979)", na Casa Museo Casares Quiroga, que poderá visitarse ata o 28 de novembro e que incluirá, esa mesma tarde, ás 19.30 horas, unha mesa redonda sobre o proceso de transición democrática en que participarán Hortensia (Tensi) Álvarez Folgar, Carlos Etcheverría e Demetrio Vázquez Martínez, así como os comisarios da exposición, Emilio Grandío e Miguel Gutiérrez.
Desde o Concello sinalan a importancia de iniciativas coma esta para lembrar e dar a coñecer ás novas xeracións o que pasou hai moi pouco no noso país. Inciden en que a mocidade debe saber a loita social e política por conseguir a estrutura básica do réxime actual e os riscos que asumiron moitas persoas para acadar esa liberdade que a ditadura negaba. Neste sentido, a recuperación da memoria histórica é unha prioridade para o Goberno de Inés Rey co fin de garantir un presente e un futuro máis conciliador e máis xusto.
A mostra, organizada polo Concello e o Grupo de Investigación Hispona da USC, revisa o arquivo privado do coleccionista Miguel Gutiérrez de entre 1975 e 1979. Componse de carteis, publicacións, pasquíns, panfletos, fanzines, panos, vinilos, caixas de mistos... achegas de mercadotecnica dunha vintena de partidos e organizacións que dan conta da publicidade e a propaganda da época. Todo este material aborda dúas cuestións principais como son a mobilización popular e os restos do 'franquismo' agrupados en sete apartados ordenados cronoloxicamente.
Sucederanse así obxectos e deseños relativos ás primeiras reivindicacións sobre os dereitos das mulleres, carteis das reivindicacións a favor do retorno de presos políticos ou o referendo sobre a Reforma Política de 1976 -a primeira chamada ás urnas da cidadanía tras a ditatura- as reivindicacións da volta a un sistema de goberno republicano, as primeiras eleccións xerais de xuño de 1977, o referendo da Constitución Española de 1978 ou as eleccións municipais do 1979.
Neste aspecto, poderase gozar de documentación gráfica pertencente a aquelas campañas constantes de información e formación en valores democráticos. Desde carteis de ceos abríndose como símbolo de que agromaban novas esperanzas, ás asembleas multitudinarias e graffitis improvisados, os comisarios destacan os diferentes aspectos que farán que saltemos no tempo para comprobar fitos como a xestación de líderes de barrio ou a creación e disolución de partidos. No acto presentarase tamén o catálogo que recolle en formato postal parte destes materiais expostos.
24 de abril de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible