21 de marzo de 2024
Técnicas da Concellería ofreceron formación ao persoal do centro comercial para poñer en marcha este servizo de información e apoio contra a violencia machista
A concelleira responsable da Área de Benestar Social, Yoya Neira, participou esta mañá na posta en marcha do punto violeta que instalou o centro comercial Marineda City. A edil estivo acompañada de Arnaud Leroy, director Asset Management de Merlin Properties para Marineda City, así como por persoal técnico da Concellaría e outros responsables do centro comercial.
O novo punto violeta de Marineda City é produto do traballo conxunto entre as profesionais do Centro de Información ás Mulleres (CIM), integrado na Área de Benestar Social, e os responsables do centro comercial. A concelleira Neira destacou que esta "colaboración fluída entre o Goberno de Inés Rey e a empresa privada é a mellor arma de concienciación e loita contra a violencia machista e un exemplo a seguir". A apertura do punto violeta é a culminación dun traballo que comezou en 2022 coa localización no centro comercial do autobús itinerante da campaña do 25N e continuou cos obradoiros de sensibilización que o CIM impartiu no centro en 2023.
Durante varios meses, profesionais do Centro de Información ás Mulleres (CIM) proporcionou materiais e orientación a Marineda City para elaborar o seu propio protocolo contra a violencia machista adaptado ás necesidades do centro comercial. Ademais, as profesionais do CIM impartiron formación específica a todo o persoal de xerencia, atención ao cliente, seguridade e limpeza do centro para que saiban como identificar estes casos e actuar en consecuencia. Este asesoramento manterase no tempo sempre que sexa necesario.
O punto violeta de Marineda City sitúase nos dous puntos de atención ao cliente, na planta baixa do centro, e estará aberto durante o horario habitual do centro comercial. Ademais, os clientes de Marineda City atoparán códigos QR con información e recursos noutros lugares, como os aseos e as salas de lactación. O centro conta tamén cun espazo seguro cunha saída directa ao exterior no caso de que sexa necesario para a vítima, evitando así ter que atravesar o centro comercial.
O persoal do punto violeta de Marineda ten entre as súas funcións proporcionar información sobre recursos e servizos especializados, intervir de forma inmediata no caso de que se presencie no centro unha agresión seguindo o protocolo de actuación establecido, acompañar emocionalmente as vítimas, así como derivalas de forma eficaz en función de cada caso, xa sexa chamando á Policía ou aos servizos sanitarios, ou derivando ao CIM, ao xulgado ou ás dependencias policiais para interpoñer unha denuncia.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible