19 de agosto de 2024
Convocatoria de setembro de 2024
As persoas interesadas pódense preinscribir os días 2, 3 e 4 de setembro
Preinscrición: 2, 3 e 4 de setembro
Realizarase preferentemente en liña. Para realizar a preinscrición cubrirase este Formulario de preinscrición en actividades . Este formulario estará dispoñible desde as 08.00 h do luns 2 de setembro ata as 23.59 h do mércores 4 de setembro nesta web municipal.
Pódense consultar as actividades de cada centro en conxunto nesta páxina /servizossociais/gl/actividades/actividades-convocatoria-setembro-2024 e tamén, explicadas individualmente, en cada páxina de cada centro cívico e presencialmente en cada un dos centros cívicos correspondentes.
Cada persoa poderá solicitar un máximo de tres actividades por centro cívico e por orde de preferencia.
Aquelas actividades que teñan a mesma denominación, aínda que teñan distintos niveis (iniciación e perfeccionamento, grupo 1 e grupo 2, mañá e tarde etc.) considéranse unha mesma actividade, mais só será posible formalizar a matrícula nunha delas. En caso de facelo nas dúas, quedarán anuladas ambas.
Terán preferencia as persoas empadroadas no Concello da Coruña.
As persoas que non teñan acceso a Internet, e só nese caso, poderán realizar a preinscrición chamando ao número de teléfono 881 152 161 en horario das 10.00 ás 14.00 h e das 16.00 ás 20.00 h, os mesmos días 2, 3 e 4 de setembro.
Cada persoa que realice a preinscrición telefonicamente só poderá xestionar 3 solicitudes.
Clubs
Son actividades gratuítas dirixidas por persoas voluntarias.
Publicación das listaxes de preinscricións nas actividades socioculturais nos centros cívicos: 9 de setembro
As listaxes das actividades socioculturais poderanse consultar nos centros cívicos, nesta web e chamando ao teléfono gratuíto de información cidadá 010.
As listaxes dos clubs en cada un dos centros cívicos.
Reclamacións ás listaxes de preinscricións: 10 de setembro
En horario das 11.00 ás 13.30 h e das 16.00 ás 18.00 h no teléfono de información cidadá 010.
Sorteo público: 11 de setembro
Realizarase en cada centro cívico ás 10.00 h.
Publicación das listaxes de admisións e de agarda: 20 de setembro
Poderanse consultar nos centros cívicos, nesta web ou chamando ao teléfono gratuíto de información cidadá 010.
Nas actividades socioculturais anularanse aquelas actividades nas que non haxa un mínimo de solicitudes formalizadas.
Prazo de inscrición e pagamento de taxas para as persoas admitidas:
Será preferentemente en liña a través desta ligazón Pago en liña das actividades os días 23, 24 e 25 de setembro. De non facelo nestas datas perderase o dereito á praza.
Aquelas persoas que non poidan realizar o pagamento desa maneira, poderán realizalo imprimindo a folla de autoliquidación, e pagando presencialmente na entidade bancaria ou no caixeiro da entidade con tarxeta de crédito (ABANCA ou SANTANDER).
Unha vez pagado na entidade bancaria deberan entregar na conserxaría do centro correspondente, e dentro do prazo establecido, o xustificante de pagamento, pois de non ser así perderase o dereito á praza na actividade.
En caso de non cubrírense todas as prazas ao final da convocatoria, anunciaranse mediante un cartel en cada centro cívico as vacantes que queden dispoñibles en actividades/clubs.
A cota das actividades dependerá do número de horas que aplica a Ordenanza número 43, reguladora do prezo público por prestación de servizos e utilización de instalacións culturais, educativas, de lecer e análogas de titularidade municipal, fóra de apoio escolar, cultura xeral e alfabetización que terán carácter gratuíto. Tamén son gratuítos os clubs que están dirixidos por persoas voluntarias.
As persoas solicitantes de actividades gratuítas e clubs deberán formalizar a preinscrición en prazo e CONFIRMARÁN (ben presencial ou por teléfono) no centro cívico, ao servizo de consexaría, a súa asistencia á actividade nos días estipulados para o pagamento (23, 24 e 25 de setembro).
Procedemento de pagamento
Nas listaxes de persoas admitidas e de agarda figurará un código, que haberá que introducir cando sexa requirido ao longo do proceso de pagamento. Cada código indica a persoa que está a se inscribir na actividade, o centro no que se inscribe e a actividade solicitada. Así, cada actividade que solicite unha persoa terá un código diferente polo que cada actividade terase que aboar por separado. O mesmo código non vale para todas as actividades.
O pagamento realizarase preferentemente en liña a través da plataforma de pagamento en liña habilitada.
O pago tamén se pode facer presencialmente imprimindo a carta de pagamento e presentándoa no banco ou caixeiro. A continuación hai que levar o xustificante de pagamento ao centro cívico onde se vai desenvolver a actividade para que conste que se aboou.
O concello conta con dúas entidades bancarias asociadas para poder aboar as actividades: Abanca e Banco Santander.
Listaxes de agarda
As persoas admitidas a partir da listaxes de agarda deberán facer a inscrición e o aboamento da actividade, seguindo o procedemento de pagamento establecido anteriormente.
Data de inicio de actividades:
A partir do día 1 de outubro
Data da fin de actividades:
O día 14 de decembro
NOTA: cada actividade ten unha idade determinada para anotarse nela e que aparece no documento de actividades coa clasificación seguinte: infancia, mocidade, interxeracional e maiores. Sempre que non se especifique outro tramo de idades no título da actividade, a idade que correspondería á clasificación será:
Infancia: de 4 a 12 anos
Mocidade: de 13 a 17 anos
Interxeracional: a partir de 18 anos
Maiores: a partir de 65 anos
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible