24 de febreiro de 2015
Inclúe a posibilidade do desprazamento en tren para maiores de 50 anos
A Deputación de Ourense a través da súa Área de Benestar ten aberta a convocatoria "Ourense, a provincia termal", unha actuación enmarcada nas políticas sociais da institución provincial que oferta diferentes programas de benestar e promoción da saúde e o lecer a través do termalismo.
Ao proxecto engádeselle a posibilidade de desprazamento en tren dende as estacións da Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo e Monforte con posterior desprazamento dende a estación de Ourense ao balneario, todo incluído no programa e que se poderá xestionar a través da web www.trenbalnearios.com
As persoas maiores de 50 anos teñen a posibilidade de realizar estancias de 6 días/5 noites nos balnearios da provincia de Ourense co desprazamento ida/volta en tren incluído.
Tamén hai a modalidade de fin de semana para todas as idades e tratamentos termais durante 10 días.
Goza dun período de descanso, benestar, tratamentos termais e circuítos culturais no balneario da provincia que elixises: Laias Caldaria, Gran Balneario do Carballiño, Balneario de Arnoia, Balneario de Baños de Molgas ou Balneario de Lobios.
Este programa permite gozar da oferta termal da provincia con máis cantidade de augas termais de España e dunhas das augas mineromedicinais de máis calidade de toda Europa; podendo escoller o balneario e a auga termal que máis se adapte ás diferentes preferencias.
No programa poden participar persoas de toda Galicia con independencia do municipio no que residan.
A concesión do programa, incluíndo o balneario solicitado, o programa e as datas do seu goce resolverase no mesmo proceso e no mesmo momento da presentación da solicitude.
A solicitude poderá ser presentada dende internet http://termalismo.dpourense.es pola propia persoa interesada ou de forma presencial a través de diferentes organismos públicos.
No caso de que a persoa opte por realizala dende un organismo, poderá xestionala a través dos servizos sociais comunitarios dos concellos de toda Galicia que así o consideren.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible