16 de setembro de 2022
No proxecto, dirixido polo presidente da institución, o doutor Francisco Martelo, participarán prestixiosos especialistas en enfermidades prevalecentes na nosa sociedade
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira, presentou xunto ao presidente da Real Academia de Medicina de Galicia, Francisco Martelo, o ciclo de conferencias que a institución médica organiza a partir do próximo martes, 20 de setembro, nos centros cívicos da cidade.
As conferencias, impartidas por académicos e profesionais de primeiro nivel, centraranse na divulgación sobre patoloxías prevalecentes na nosa sociedade como as demencias, o cancro, a enfermidade cardiovascular ou as adiccións químicas e comportamentais, así como na información sobre novas tecnoloxías no diagnóstico e tratamento de enfermidades. Tamén se prestará especial atención á prevención en aspectos como a obesidade ou o envellecemento activo.
"Este ciclo de conferencias nos centros cívicos é unha oportunidade magnífica para lle facer chegar á cidadanía, de maneira directa, información moi valiosa sobre un aspecto esencial como é a saúde e o benestar", sinalou Neira, quen destacou a selección de temas que se tratarán, o prestixio da Real Academia de Medicina e a calidade profesional das persoas conferenciantes.
Pola súa banda, Francisco Martelo subliñou que "a aprendizaxe obtida durante a pandemia debe ser un trampolín para afrontar de maneira máis racional e con máis coñecemento as tarefas da prevención e o tratamento da enfermidade". "Debe ser un tempo emerxente para a procura da saúde e a loita, máis eficaz, contra o resto das enfermidades e nesta liña é fundamental que a cidadanía adquira os coñecementos mínimos que lle permita manterse o maior tempo posible sa".
Haberá un total de 28 conferencias que se realizarán nos distintos centros cívicos da cidade durante as próximas semanas. O ciclo comezará o vindeiro martes, día 20 de setembro, no Centro Cívico de Labañou coa conferencia 'COVID-19. Que nos fai pensar que está preto a fin da pandemia?', a cargo do profesor Juan Gestal, catedrático de Medicina e membro da academia, ás 19:00 horas. A última conferencia está programada para o 29 de novembro. As conferencias, cun formato ameno e participativo, están abertas a todo o público.
CALENDARIO DAS CONFERENCIAS
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible