Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de novembro de 2013

Para lograr a implicación de toda a sociedade

O Concello organiza os actos do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

A Concellería de Servizos Sociais programa actividades na rede de centros cívicos e en colexios, unha xornada sobre a protección da infancia e a lectura dun manifesto por parte do alcalde o vindeiro luns na praza de María Pita.

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentou esta mañá a campaña que o Concello da Coruña pon hoxe en marcha con motivo da conmemoración, o próximo 25 de novembro, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Nesta edición, baixo o lema Estamos contigo, preténdese sensibilizar a opinión pública sobre esta secuela social, involucrar a todos os sectores sociais de todas as idades, situar os fillos menores de idade de mulleres vítimas de violencia de xénero nun primeiro plano e informar a cidadanía sobre os recursos específicos cos que conta a cidade, que este ano vense incrementados substancialmente coa posta en marcha efectiva dos Pisos de Inclusión e Transición á Vida Autónoma.

"Para combater a violencia de xénero necesitamos que todos os coruñeses e as coruñesas se impliquen. O primeiro paso para acabar con esta secuela social é que a cidadanía se conciencie e, sobre todo, que as vítimas de violencia de xénero sintan que todos estamos ao seu lado", asegurou Miguel Lorenzo. O Concello da Coruña preparou un amplo programa de actividades que se desenvolverán a partir de hoxe e durante a próxima semana, cunha serie de obxectivos incluídos nun díptico informativo que se repartirá durante esta campaña para sensibilizar a cidadanía nesta secuela social:

- Involucrar nesta loita a sectores poboacionais de todas as idades.

- Situar aos menores fillos ou fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero nun primeiro plano, protexendo os seus dereitos, integridade, seguridade e benestar, por ser considerados igualmente vítimas desta violencia.

- Incidir novamente na erradicación de roles e estereotipos, mesmo entre xuventude que mantén crenzas e actitudes contraproducentes para erradicar este problema.

- Seguir informando sobre os recursos específicos cos que conta o Concello.

- Informar a cidadanía sobre cales son os aspectos da vida das mulleres vítimas que poden estar significativamente danados e que deben retomar e recuperar co apoio de todos e todas.

A campaña con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, baixo o lema Estamos contigo, estrutúrase arredor dunha serie de actividades para chegar a todos os sectores sociais:

- Acto institucional. Realizarase o vindeiro luns, 25 de novembro, na praza de María Pita a partir das 12.30 horas e consistirá na lectura dun manifesto contra a violencia de xénero por parte do alcalde da Coruña, Carlos Negreira. Ao acto convídase o público en xeral, que acompañará á corporación municipal e aos representantes de diferentes institucións e entidades especializadas na materia.

- A xornada A infancia e a adolescencia, vítimas da violencia de xénero: debuxando novos camiños, organizada polo Centro de Información ás Mulleres (CIM), será o 26 de novembro na Fundación Novacaixagalicia. Xunto aos relatorios de Digna Braña e Vitoria Noguerol que abordarán esta temática dende o punto de vista xurídico e psicolóxico, ofreceranse experiencias prácticas por parte do CIM da Coruña e do Centro de Emerxencias para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero de Vigo (CEMVI).

- Centros educativos. Un total de 91 talleres de educación en igualdade e prevención da violencia de xénero en 23 centros educativos que chegarán a máis de 2.000 estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato.

- Centros cívicos municipais. Unha edición máis, 12 centros cívicos súmanse ao programa de actividades que, dende hoxe e ata o 29 de novembro, ofrecerán 12 talleres de sensibilización en igualdade e contra a violencia de xénero. Ademais, o centro cívico dos Mallos acolle hoxe, xoves 21 de novembro, ás 19.00 horas, a X edición do Festival Libérate.

- O bus escola de igualdade. A iniciativa do Centro de Información ás Mulleres consiste en que un autobús, entre o 25 e o 29 de novembro, en xornada de mañá e tarde, percorrerá varios puntos da cidade cun monitor especializado en materia de prevención da violencia de xénero que distribuirá material informativo e divulgativo, e detallará os recursos postos a disposición das mulleres.

BALANCE 2013

O concelleiro de Servizos Sociais explicou que a Casa de Acollida alberga, nestes momentos, a 7 mulleres e 4 menores. Entre xaneiro e outubro, 54 persoas (29 mulleres e 25 menores) residiron na Casa de Acollida, unha cifra similar á do mesmo período do ano anterior. En canto ao CIM, a maior parte de mulleres atendidas sono por casos de violencia de xénero. Así, foron atendidas 319 vítimas, o que supón o 60% das 532 usuarias recibidas entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro. Desas 532 mulleres, 317 recibiron atención legal, 241 atención psicolóxica e 146 atención social.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión