O Concello da Coruña somete a consulta pública previa o anteproxecto da Ordenanza municipal reguladora do servizo de teleasistencia domiciliaria, que se prevé aprobar nos próximos meses co obxecto de actualizar e substituír a normativa municipal vixente nesta materia.
A cidadanía poderá achegar as súas opinións, propostas ou suxestións a través do formulario habilitado na web municipal www.coruna.gal. Para iso, dispoñerá dun prazo de 20 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta consulta no portal web municipal, comezará o 15 de abril de 2026 e finalizará o 13 de maio de 2026, ambos os días incluídos.
O obxectivo desta iniciativa é aprobar unha nova ordenanza municipal que adapte a regulación do servizo de teleasistencia ao marco normativo autonómico e estatal vixente, así como á realidade social, tecnolóxica e demográfica actual.
Entre os principais obxectivos da nova ordenanza figuran: actualizar a regulación municipal do servizo para adaptala aos cambios sociais e normativos producidos dende a aprobación da ordenanza de 1999; modernizar o contido e a terminoloxía da norma, incorporando un enfoque centrado na persoa; definir con claridade o alcance, contido, modalidades e prestacións do servizo; regular de forma detallada os requisitos, procedementos e criterios de acceso, modificación, suspensión e baixa; establecer os dereitos e deber das persoas usuarias; reforzar a seguridade xurídica, a eficiencia administrativa e a calidade na prestación; e garantir unha atención preventiva, personalizada e adaptada ás situacións de fraxilidade, illamento ou risco social.
A ordenanza será de aplicación ao servizo público municipal de teleasistencia domiciliaria que se presta no termo municipal da Coruña.
A participación da cidadanía no procedemento de elaboración de normas regúlase no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este precepto establece que, con carácter previo á elaboración dunha disposición de carácter xeral, se promoverá unha consulta pública a través do portal web da Administración competente, co fin de recadar a opinión da cidadanía e das organizacións potencialmente afectadas sobre os problemas que se pretenden resolver coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.
Xúntase como anexo un documento no que se detallan estas cuestións, sen prexuízo das modificacións que se poidan introducir durante o proceso de elaboración definitiva da ordenanza.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible