A Coruña City Council

A Coruña City Council

Dates:

4 of july of 2026

O Concello programa un ciclo de actividades no Kiosco Alfonso para despedir a mostra ‘Trazos’ de David Pintor

O concerto ilustrado do venres 10 de xullo, visitas guiadas e obradoiros permitirán afondar na obra do artista coruñés antes do peche da exposición

O Concello da Coruña organiza nas vindeiras semanas un programa especial de actividades para despedir a exposición 'Trazos' de David Pintor, que pode visitarse no Kiosco Alfonso ata o domingo 19 de xullo. A mostra, inaugurada en maio, supón a primeira gran exposición de carácter retrospectivo do ilustrador na súa cidade e recolle máis de tres décadas de traxectoria a través de diferentes formatos e linguaxes, desde a caricatura ata a ilustración editorial, pasando polo debuxo de viaxes ou a obra máis experimental.

Como peche, o Concello impulsa unha programación específica dirixida a públicos diversos que permitirá afondar nos procesos creativos e nos contidos da exposición, combinando propostas escénicas, visitas guiadas e actividades didácticas. A primeira das citas será o concerto ilustrado de David Pintor, que terá lugar o venres 10 de xullo ás 19.30 horas na sala de conferencias do Kiosco Alfonso, con entrada de balde ata completar capacidade. Nesta proposta, o artista realizará debuxos en directo que serán proxectados nunha pantalla, mentres o músico Ramón Carnota acompaña a sesión coa súa guitarra, creando unha experiencia escénica que fusiona música e ilustración. 

O programa complétase cun conxunto de actividades de mediación, como obradoiros e visitas guiadas, que buscan achegar a exposición á cidadanía e ofrecer novas lecturas sobre a obra de Pintor. Entre elas destacan as visitas comentadas á mostra, que se celebrarán o domingo 12 e o sábado 18 de xullo, ambas ás 12.00 horas, e que permitirán percorrer a exposición en profundidade, coñecendo as técnicas, os procesos e os contextos das obras expostas. A sesión do día 18 contará coa participación do propio artista. 

Ademais, o sábado 18 desenvolverase o obradoiro infantil "Repintamos ao Pintor!", dirixido a público a partir de 5 anos, no que as crianzas poderán descubrir o universo creativo do autor e experimentar coa caricatura e o debuxo como formas de expresión artística. 

As actividades contan con prazas limitadas e requiren inscrición previa en kioscoalfonso@coruna.gal ou 981 18 98 98 no caso das visitas e en ludidactica@gmail.com no caso do obradoiro infantil.

Un percorrido pola traxectoria de David Pintor

'Trazos' ofrece unha visión ampla do traballo de David Pintor, combinando obra retrospectiva con pezas inéditas creadas para a ocasión, nas que o artista explora novos camiños arredor de temas como a música, a paisaxe ou a figura de Picasso. 

A exposición complétase con materiais audiovisuais e de proceso que permiten comprender mellor a práctica artística do autor, nunha proposta que reivindica o debuxo como ferramenta expresiva e vehículo de comunicación contemporánea.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari y Microsoft Internet Explorer 10 o superior. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión