Uso de cookies nas páxinas web do Concello de A Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante o análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso"..

Transparencia

Entidades municipais

Casa independente con chave propia

O Concello da Coruña constituíu unha serie de organismos e entidades das que forma parte, ben como titular ben por unha participación (total ou parcial) na xestión delas.

A Lei 57/2003 de medidas de modernización do goberno local permitiu que aqueles servizos públicos de competencia local puidesen xestionarse por:

1. Xestión directa:

  • é dicir, pola propia entidade local
  • mediante un organismo autónomo local
  • por unha entidade pública empresarial local
  • a través dunha sociedade mercantil local, cuxo capital social sexa integramente da entidade local (ou a un ente público seu).

2. Xestión indirecta, mediante as distintas formas previstas para o contrato de xestión de servizos públicos (concesión, xestión interesada, concerto e sociedade de economía mixta), e sempre que non impliquen exercicio de autoridade.

Existen diferentes formas de estrutura e organización municipal. Detallamos as tipoloxías máis comúns e as súas diferenzas para coñecelas mellor, así como as vinculadas ao Concello da Coruña.

Que é un organismo autónomo ou instituto municipal?

Son entes de carácter público que se rexen polo dereito administrativo (é dicir, son entidades de dereito público), creados para a realización de actividades concretas dentro das competencias adscritas á entidade local da que dependen. Teñen personalidade xurídica propia.

Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE)

O Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) é un organismo autónomo local creado ao amparo da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local.

O IMCE, como entidade de dereito público, goza de personalidade xurídica propia e independente, de plena autonomía económica e administrativa para o cumprimento dos seus fins, con suxeición ás leis e ao disposto nos seus estatutos.

Encárgase de contratar e xestionar os programas do Concello da Coruña que teñan relación coas actividades culturais públicas de interese para a cidade, relacionadas co mundo do espectáculo e as festas.

Consulta aquí máis información sobre o IMCE, así como outra información deste organismo que pode ser do teu interese:

Que é unha empresa municipal?

Son entes de carácter público que se rexen polo dereito privado, creados para a realización de actividades prestacionais, a xestión de servizos ou a produción de bens de interese público susceptibles de contraprestación.

Unha empresa pública é aquela que é propiedade dunha administración, neste caso un concello, polo que están sometidas ao seu control.

Empresa Municipal de Augas da Coruña, SA (EMALCSA)

A Empresa Municipal de Augas da Coruña, S.A. (EMALCSA) foi constituída mediante escritura pública polo Concello da Coruña o 7 de xullo de 1978. É unha sociedade mercantil municipal que adopta a forma de sociedade anónima e réxese polos seus estatutos.

Esta sociedade anónima de propiedade municipal xestiona de forma directa o ciclo integral da auga na cidade da Coruña e a súa área metropolitana, o que inclúe a captación, potabilización e distribución da auga e a posterior recollida das augas usadas, a súa depuración e a súa devolución ao medio natural. Así mesmo asume as tarefas de limpeza das instalacións de rede de sumidoiros por encomenda de xestión desde 1996, o mantemento e a reparación da rede de abastecemento de auga potable, a concesión e o establecemento de acometidas para a subministración de auga e colabora co Concello da Coruña na xestión e prestación doutros servizos municipais.

Esta empresa municipal ten o seu propio Portal de Transparencia que podes consultar.

Empresa Municipal de Vivenda Servizos e Actividades SA (EMVSA)

A Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades, SA (EMVSA) constituíuse no ano 2005 co fin de lle ofrecer á cidadanía unha pluralidade de servizos e mellorar a súa calidade de vida e cohesión social. É unha sociedade mercantil municipal que adoptou a forma de sociedade anónima que se rexe polos seus propios estatutos e polas disposicións legais que lle afecten.

Na actualidade as súas actividades teñen un notorio fin público: construción de aparcadoiros en réxime de concesión, o servizo municipal de alugueiro de bicicletas, xestión dos procedementos sancionadores por infraccións de tráfico ou a construción de edificios deportivos. Colabora co Concello na formulación de instrumentos de contido urbanístico que permitan executar equipamentos e zonas verdes de esparexemento e lecer para a cidadanía, construír vivendas sometidas a algún réxime de protección ou continuar construíndo aparcadoiros en zonas da cidade con problemas de estacionamento de vehículos.

Máis información no seu portal web.

Empresa Edar Bens SA

É a primeira empresa supramunicipal de Galicia, froito do consenso entre os Concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros para lle ofrecer a unha poboación que suma 400.000 habitantes un servizo público de calidade.

Unha Estación de Depuración de Augas Residuais (EDAR) é unha instalación que limpa e trata as augas residuais urbanas para que poidan ser devoltas ao medio natural, que se converte nun dos principais obxectivos desta empresa supramunicipal, así como a realización de todas as actividades accesorias, complementarias e derivadas deste servizo. Encárgase tamén do servizo de saneamento e rede de sumidoiros, así como da xestión e explotación das obras e infraestruturas ligadas a estes servizos.

A Xunta Xeral é o órgano de goberno da empresa Edar Bens SA e está constituída polos alcaldes dos cinco municipios que a xestionan de forma conxunta.

Por se che resulta menos coñecida, non deixes de visitar a súa web.

Que é un consorcio municipal?

A Lei de administración local de Galicia (Lei 5/1997 permite que as administracións locais galegas constitúan con carácter voluntario, consorcios locais (entre si ou con outras administracións públicas, así como con entidades privadas sen ánimo de lucro) sempre que persigan para fins de interese público e común entre elas, garantindo sempre a presenza maioritaria do sector público en todos os seus órganos.

Teñen personalidade xurídica propia e poderán utilizar calquera das formas previstas na lexislación de réxime local para a xestión dos seus fins e servizos, que deberán estar perfectamente definidos nos seus respectivos estatutos.

Consorcio de Turismos e Congresos da Coruña

O seu actual presidente é D. Alberto Lema Suárez, concelleiro delegado da Área de Emprego e Economía Social. A súa actual xerente é D.ª Lanzada Calatayud Álvarez (desde o 21 de xullo de 2016).

A súa web municipal recolle información básica deste organismo, que podes revisar aquí. Ofrecémosche ademais outra información do Consorcio que che pode interesar:

Dado que un dos fins fundamentais do Consorcio é promover o turismo de todo tipo dentro da cidade da Coruña, pódese consultar a ligazón a esa información.

Consorcio para a Promoción da Música

O Consorcio para a Promoción da Música, entidade sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, está constituído polo Concello da Coruña e a asociación Amigos da Ópera. Poderanse incorporar outras entidades públicas ou privadas que así o acorden, mediante a adhesión aos seus estatutos e o cumprimento das obrigas e requisitos establecidos.

O Consorcio leva a xestión directa da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), e entre os seus fins ademais está a promoción de toda clase de actividades musicais a través da colaboración con agrupacións, organismos e institucións nacionais ou estranxeiras. Del depende tamén a Escola Municipal de Música da Coruña

Se queres saber máis, consulta os seus Estatutos.

Que son as fundacións?

Son organizacións constituídas sen fins de lucro que, por vontade dos seus creadores, teñen reservado no tempo o seu patrimonio para a realización de fins de interese xeral, segundo define a Lei de fundacións 50/2002, como poden ser, entre outros: defensa dos dereitos humanos, asistencia e inclusión social, cívicos, educativos, culturais, científicos, deportivos, sanitarios, laborais, de cooperación para o desenvolvemento, de promoción do voluntariado e acción social, de defensa do medio ambiente, de fomento da economía social, de promoción e atención ás persoas en risco de exclusión, ou de investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico. En todo caso a súa finalidade fundacional debe beneficiar a colectividades xenéricas de persoas.

As fundacións réxense pola vontade do seu fundador ou fundadora e polos seus estatutos ademais de pola lexislación correspondente. Terán personalidade xurídica desde a inscrición da escritura pública da súa constitución no correspondente Rexistro de Fundacións.

E que é un padroado?

É o órgano colexiado de goberno e representación dunha fundación, é dicir, é un consello formado por varias persoas para vixiar que esa organización cumpra debidamente cos seus fins.

Fundación Luis Seoane

A Fundación Luis Seoane é unha fundación cultural privada que se proxecta como servizo público do Concello da Coruña. É museo porque a súa base susténtase na conservación e posta en valor do legado de Luis Seoane; é centro de arte porque a súa dinámica está marcada polas exposicións temporais e as súas actividades complementarias; e é centro de produción porque colabora na realización de talleres, exposicións, obras site-specific e produce pensamento, investigación e teoría.

Esta fundación creouse no ano 1996, e ocupa a súa actual sede desde o ano 2000. O seu padroado está presidido por D. José Manuel Sande García, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña.

Poden resultar de interese a lectura dos seus Estatutos na páxina 11 do pdf que se visualiza.

Fundación Emalcsa

A Fundación Emalcsa constitúese en 2012 polo Concello da Coruña e a súa Empresa Municipal de Augas da Coruña SA "EMALCSA"ao servizo de fins de interese xeral nos ámbitos dos asuntos sociais, deporte, cultura, educación, e desenvolvemento económico e urbano.

A entidade fundadora con todo é EMALCSA, cuxo capital social pertence na súa totalidade ao Concello da Coruña. En consecuencia, a Fundación EMALCSA forma parte do sector público local para os efectos previstos na normativa de aplicación.

A súa Xunta Xeral está formada pola totalidade de concelleiros que forman o Concello Pleno da Coruña, e está clasificada como de interese asistencial, de fomento da economía social, educativa, deportiva e cultural. A presidencia do seu padroado recae no alcalde da cidade da Coruña, D. Xulio Xosé Ferreiro Baamonde.

Sempre é de interese coñecer os seus Estatutos.

  • Concello da Coruña
    • Ayuntamiento de A Coruña | Concello da Coruña
    • Praza de María Pita, 1. 15001 A Coruña
    • 981 184 200 ou desde dentro do termo municipal ao teléfono de atención 010
Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Safari e Microsoft Internet Explorer 10 ou superior. Instalar agora un navegador compatible

?