Concello da Coruña

Concello da Coruña

O PSOE propón completar o Paseo Marítimo polo Portiño para unir Porta Real con Arteixo

O portavoz socialista, José Manuel García, considera este proxecto beneficioso para a cidade: supón acabar o Paseo e a conexión coa área; mellora a mobilidade; ten interese turístico e paisaxístico, e permite poñer fin ás molestias de tráfico pesado que sofren Visma e Bens

O portavoz socialista, José Manuel García, anunciou hoxe o compromiso do PSOE para levar o Paseo Marítimo ata a cala de Bens, completando así un proxecto iniciado por un goberno socialista en 1990 e permitindo a comunicación entre Porta Real e Arteixo.

José Manuel García adiantou que este será un dos proxectos que o Grupo Municipal Socialista defenderá nas próximas semanas ante o goberno local na negociación para incorporar o superávit ao orzamento municipal do 2018. O propósito do PSOE é incorporar unha partida de arredor dos dous millóns de euros para abordar esta actuación nun tramo de aproximadamente 1,5 quilómetros para conectar O Portiño coa cala de Bens. Sería unha satisfacción poder celebrar o 30 aniversario do inicio do Paseo Marítimo inaugurando en 2020 o seu último tramo.

A proposta socialista responde ao anhelo de completar un ambicioso proxecto de Paseo Marítimo que permita rodear a cidade e conectarse cos municipios limítrofes, neste caso Arteixo; responde tamén a unha mellora nas comunicacións peonís e viarias, abrindo unha nova vía para o paseo e para os vehículos. Todo iso, igualmente, ten un beneficio turístico e paisaxístico para a cidade.

Ademais, esta obra dará resposta a unha demanda veciñal, que beneficiará as persoas residentes en Visma, Bens, Nostián e outros lugares da contorna, pois mellorará as súas comunicacións e permitirá eliminar o paso de vehículos pesados polos seus barrios, así como dos camións da Edar de Bens e outros que van á planta de Albada. A apertura deste viario evitará as molestias de ruído e cheiros e permitirá acurtar os traxectos.

De feito, son uns mil camións os que pasan cada ano polo núcleo de Visma e Bens cun total de 23 millóns de quilos de lodos da Edar. Este tráfico desviaríase, sen afectar a ningunha poboación.

O portavoz socialista, José Manuel García, subliñou que se trata dunha oportunidade para acabar o Paseo Marítimo, a grande obra que iniciou a transformación e o despegamento da Coruña. Unha obra que se iniciou en 1990 e que se pretende completar agora.

No seu día, cando se planificou o Paseo Marítimo formulouse esta comunicación con Arteixo, mentres se abordaron cada un dos tramos. Por iso, cando se construíu a Edar de Bens xa se aproveitou para deixar feito o desmonte e o camiño, co que a obra principal xa está feita. Isto facilita a actuación e permite abordala desde o ámbito urbano.

Breve cronoloxía do Paseo

Comezo das obras: ano 1990

-Praia do Orzán-Escravas. Inaugurado o día 14 de xullo de 1992.

-San Roque de Fóra, zona Escravas. Inauguración do día 8 de maio de 1995.

-Maestranza-Fonte dos Surfeiros. Inauguración o día 26 de febreiro de 1996.

Escravas-Millennium. O día 10 de xuño de 1999 inaugúrase un tramo de 500 metros. O día 13 de agosto de 1999 inaugúrase outro tramo de 300 metros.

Millennium-Rosales. Inauguración o día 11 de outubro de 1999 dun tramo de 160 metros.

Rosales-O Portiño. Inaugúrase un tramo de 2,3 quilómetros.

Lonxitude. Na actualidade, o Paseo Marítimo mide aproximadamente 12 Km.

PSdeG PSOE

Datos de contacto

Enderezo: praza de María Pita, 1. 15001. A Coruña

Teléfono: 981 184 260

Correo electrónico: grupo.municipal.socialista@coruna.es

Propostas e opinións

resultados 73

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión